Un grupo galego investiga a produción de silicio con baixo impacto ambiental

Participa no proxecto SisAl Pilot, Iniciado hai dous anos e cunha duración de catro.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 15/06/2022 | Actualizada ás 11:38

Comparte esta noticia

Un grupo investigador galego está a participar no proxecto SisAl Pilot, que busca producir silicio con baixo impacto ambiental e de forma circular e sustentable. Iniciado hai dous anos e cunha duración de catro, está financiado polo programa de investigación e innovación Horizon 2020 da Unión Europea, cun orzamento global que supera os 14 millóns de euros.

Coordinado desde a Universidade Norueguesa de Ciencia e Tecnoloxía (NTNU), o proxecto está promovido por un consorcio internacional de 22 socios, do que forman parte centros de investigación europeos e empresas nacionais e internacionais para a aplicación dos resultados, como Fundiciones Rei (Galicia), Befesa (Castela-León), Elkem (Noruega) ou Dow Corning (Estados Unidos).

Pola parte galega interveñen, ademais, a fábrica Rei Bronze Castings, a empresa mineira Erimsa, a de investigación SilBuCam e o Centro de Investigación e Tecnoloxía Matemática de Galicia (CITMAga).

Os socios do proxecto reúnense a próxima semana na facultade de Matemáticas da Universidade de Santiago para poñer en común os principais avances logrados no último ano do proxecto. Posteriormente, viaxarán a Vilagarcía de Arousa para asistir ás probas que se están realizando en Fundiciones Rei e Rei Bronze Castings en Cuntis.

O uso actual do silicio esténdese desde a fabricación de compoñentes electrónicos (microchips de teléfonos, coches, computadores), aliaxes (especialmente de aluminio, que se usa cada vez máis en coches, avións e todo tipo de aliaxes lixeiras) e, estes últimos anos, á industria relacionada coa enerxía fotovoltaica, onde a placa de silicio é o elemento que permite producir enerxía a partir da luz do sol.

Obleas de silicio fabricadas no Instituto de Microelectrónica de Barcelona. IMB-CNM-CSIC
Obleas de silicio fabricadas no Instituto de Microelectrónica de Barcelona. IMB-CNM-CSIC

Na actualidade, o silicio considérase un material crítico para Europa debido aos riscos no seu aprovisionamento e a súa importancia económica.

O proxecto pretende demostrar un novo proceso industrial para producir silicio que permita pasar do proceso actual, baseado na redución carbotérmica do cuarzo, a unha alternativa moito máis sustentable desde o punto de vista ambiental e tamén económica, ao utilizar materias primas secundarias como aluminio reciclado e finos de cuarzo.

Este proceso innovador permitirá un consumo de enerxía tres veces menor, eliminar as emisións directas de CO2 e outros contaminantes nocivos, e, ademais, de forma circular e sustentable, transformando os subproductos derivados doutros procesos en novas materias primas como a alúmina metalúrxica.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta