A Cámara pide unha intelixencia artificial "coherente cos dereitos fundamentais"

Vén de emitir unha declaración institucional como mostra de apoio aos obxectivos da Unión Europea neste senso.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 15/06/2022 | Actualizada ás 12:44

Comparte esta noticia

O Parlamento de Galicia emitiu unha declaración institucional na que di "compartir" coa Unión Europea o obxectivo do desenvolvemento dunha intelixencia artificial "centrada no ser humano e coherente cos dereitos fundamentais".

Por iso, a Cámara galega convida as administracións públicas, as universidades e o resto de axentes do coñecemento, aos sectores produtivos, aos axentes sociais e á sociedade a "participar dunha maneira activa e facer achegas para o debate sobre o marco ético e normativo" no que se debe aplicar estas tecnoloxías.

Segundo destaca o texto, lido este mércores no pleno polo presidente do Parlamento, Miguel Santalices, en base a un acordo unánime entre os tres grupos --PP, BNG e PSdeG--, as tecnoloxías intelixentes son "un conxunto de tecnoloxías de rápida evolución que poden xerar un amplo abanico de beneficios económicos e sociais en todos os sectores e actividades".

Dentro delas, engade a declaración institucional a intelixencia artificial "pode facilitar a consecución de resultados positivos desde un punto de vista social e ambiental, así como proporcionar vantaxes competitivas esenciais ás empresas e á economía, especialmente en sectores de alto impacto como o cambio climático, o medio ambiente e a saúde, o sector público, as finanzas, a mobilidade e a agricultura".

Con todo, estas novas posibilidades que ofrecen sacan á luz cuestións "non resoltas ata o momento", especialmente no tocante cos "marcos éticos e normativos que garantan a fiabilidade, a seguridade e os dereitos fundamentais da cidadanía". Neste contexto, a declaración institucional mostra o apoio do Parlamento a que a UE lidere unha formulación do uso da intelixencia artificial "baseada na ética, nos valores fundamentais dos dereitos humanos e nos principios democráticos".

Ademais, o texto destaca que a Estratexia Galega de Intelixencia Artificial elaborada pola Xunta que establece a folla de ruta para "conseguir unha 'Galicia intelixente' na próxima década que contribúa á soberanía dixital europea baixo principios éticos e responsables".

Mesa do Parlamento de Galicia no pleno do 15 de xuño de 2022.. PARLAMENTO DE GALICIA
Mesa do Parlamento de Galicia no pleno do 15 de xuño de 2022.. PARLAMENTO DE GALICIA | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta