Rueda di que a falta de persoal médico "non é un problema de diñeiro"

Luís Álvarez apela a "probar a investir máis" e censuran o "dumping sanitario".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 15/06/2022 | Actualizada ás 12:34

Comparte esta noticia

A situación da sanidade galega, sobre a que pivota o pleno ordinario da Cámara desta quincena, centrou o cara a cara entre o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, e o portavoz do Grupo Socialista, Luís Álvarez, quen convidou o mandatario autonómico, parafraseándoo, a "probar a investir máis": "Verán que ben se senten!".

"Non é un problema de diñeiro, boten unha man e o resto é perder credibilidade a barullo", espetou Alfonso Rueda durante o debate, no que lle preguntou ao dirixente socialista se pensaban que "estaban escatimando" nesta cuestión. Así, advertiu de que "non gobernar non dá dereito a xogar ao prezo xusto", algo do que acusou a socialistas e nacionalistas por achegar, cada un, unha cifra de investimento á sanidade pública.

"Isto non é o prezo xusto, isto é un goberno que quere mellorar a sanidade, se os problemas se solucionasen tirando de cheques, estarían arranxados hai moito tempo. Estamos racaneando? Racanea Asturias?", salientou Rueda, nunha intervención na que defendeu que había 6.500 profesionais máis traballando no sistema público e na que aseverou que se invisten 350 millóns máis que co bipartito.

"Non defrauda vostede", replicoulle Luís Álvarez, quen salientou, ata en dúas ocasións, que era "mentira" que os socialistas "estean a cuestionar a capacidade do persoal sanitario" ante a petición de "respecto" aos profesionais feita por Rueda. "É mentira que esteamos a cuestionar os profesionais, desmóntense dese argumento porque non vai a ningún sitio. Falamos de políticas, non de persoas", apelou o dirixente socialista.

Na contenda parlamentaria, Rueda censurou que o líder socialista, Valentín González Formoso, falase dos hospitais galegos nun símil coa situación da destruída Járkov, e pediu a Luís Álvarez que desautorizase estas palabras, algo que non ocorreu, o que motivou que afianzase as súas críticas cara a que "digan iso" e logo "vaian falando por aí de sanidade".

O presidente da Xunta defendeu que ademais de ofrecer un complemento ao persoal médico --debatido cos sindicatos este martes--, tamén se está actuando en centros de saúde (38) e se fixeron "investimentos en aparellos" que "salvan" vidas. "Diso non falan porque non lles interesa", reprobou Rueda, quen asegurou que o problema de persoal facultativo é común a todo o territorio e que lles están "chamando" doutras comunidades para preguntar como van facer en Galicia.

Como vén reiterando o Goberno galego, Rueda reclamou a convocatoria dun mir extraordinario e a creación da especialidade de urxencias. "Non nos deixan (máis prazas), inexplicablemente, nin a nós nin a outras comunidades. Por que?", preguntouse o mandatario galego, nun discurso no que lembrou as 106 prazas convocadas da categoría (creada) de especialista de atención primaria.

Pola súa banda, o portavoz do Grupo Socialista afirmou que "o que hai son 6.000 contratos máis, non profesionais de forma estable". "Salvo que os orzamentos mintan", advertiu o deputado socialista, quen se referiu ás "cinco medidas" propostas polo conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, "curiosamente, que non dependen da Xunta, dependen do Goberno do Estado".

Ademais, na súa intervención, o deputado socialista preguntouse se "non sabían ou, o que é peor, sabían e non adoptaron medidas" ante as xubilacións que se podían preveer. "Teñen dous anos, garantir que a atención primaria se presta en dous días, como pedía o PSOE nunha proposta de lei (que votaron en contra)", reclamou Luís Álvarez, quen reclamou, apelando ao falecido conselleiro de Facenda, Valeriano Martínez, que "se aproximen á mediana" en investimento. "Déixense de dumping sanitario, de complemento de casa-luz-carbón, déixense deste tipo de políticas!", sentenciou.

Sesión de control ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda, este mércores 15 de xuño no Parlamento
Sesión de control ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda, este mércores 15 de xuño no Parlamento | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta