Folga no sector da carpintaría da Coruña contra a "conxelación" dos seus salarios

Os sindictos non asinan o convenio colectivo e convocan ademais unha concentración o 23 de xuño fronte a Santos Cociña e Baño en Boqueixón.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 16/06/2022 | Actualizada ás 13:39

Comparte esta noticia

Representantes da CIG, CCOO e UGT na mesa negociadora do convenio colectivo de Carpintaría e Ebanistería da Coruña denunciaron este xoves a situación de "bloqueo" do sector "por culpa da patronal", polo que convocaron unha folga para o 19 de xuño e o 13, 27 e 28 de xullo.

Tal e como explicaron en rolda de prensa, o que ofrece a patronal supón "unha gran perda de poder adquisitivo para os traballadores do sector". O convenio, apuntou o representante da CIG, Eduardo Sebio, incumbe máis de 5.000 traballadores e está caducado desde 2019. "Teñen, por tanto, o seu salario conxelado desde fai tres anos e están a perder poder adquisitivo. Unha situación agravada pola subida disparada da inflación e dos produtos de primeira necesidade, como a enerxía, os combustibles ou a alimentación", sinalou.

Ante esta situación, lamentan, a patronal ofreceu para 2020 unha subida do 0%; e do 3,1% para 2021, "pagando atrasos de tan só o 1,5%, o que suporía unha perda do 5% só nese ano, no que o IPC subiu o 6,5%". Para 2022 a patronal oferta un incremento do 3% cunha revisión salarial de como máximo un 1% sen atrasos e, para Sebio, "tal e como está a inflación este ano, suporía tamén unha perda de poder adquisitivo dos salarios dos traballadores". Para 2023 e 2024 a subida sería do 1,5% cunha revisión salarial do 1,5%, se o IPC supera esa porcentaxe sen atrasos.

Fronte a esta proposta, os sindicatos --unidos nunha plataforma reivindicativa unitaria-- aseguraron que "renunciaron" a unha gran parte das súas pretensións iniciais, pero seguirán reclamando, confirman, a creación dun plus de quendas, "como xa existe no convenio da carpintaría de Pontevedra", que "garanta" o poder adquisitivo dos salarios, con cláusulas de revisión salarial sen topes e cobrando atrasos salariais desde o primeiro día cando o IPC Real acumulado "sobe máis do incremento inicial do Convenio".

As centrais sindicais insistiron en que a situación de bloqueo "non ten ningunha xustificación", dado que a carga de traballo que teñen as empresas do sector "é tal que non dan atendido os pedidos que reciben". Por iso insisten en que as empresas "seguen aumentando os seus beneficios, mentres os traballadores do sector continúan cos salarios conxelados".

NON ASINAN O CONVENIO

Por todo o exposto, os sindicatos acordaron, "por unanimidade", non asinar o convenio colectivo e convocar ademais folgas e concentracións. A próxima manifestación será o 23 de xuño fronte á empresa Santos Cociña e Baño, en Boqueixón.

Mobilización de carpinteiros para pedir mellores condicións para o sector da carpintería
Mobilización de carpinteiros para pedir mellores condicións para o sector da carpintería | Fonte: CC.OO.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta