Lores quere seguir gobernando en Pontevedra ata os 78 anos

"Estou no mellor momento desde que son alcalde. Estou máis motivado e ilusionado que nunca", afirma.

Por Europa Press / Redacción | Pontevedra | 16/06/2022 | Actualizada ás 15:32

Comparte esta noticia

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, anunciou este xoves que volverá presentarse á reelección nas próximas eleccións municipais de maio de 2023 para afrontar un sétimo mandato, cita de cara á que liderará un novo proxecto para a cidade "a oito ou dez anos".

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, xunto á líder do BNG, Ana Pontón, e membros do seu equipo
O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, xunto á líder do BNG, Ana Pontón, e membros do seu equipo | Fonte: BNG.

"Estou no mellor momento desde que son alcalde. Estou máis motivado e ilusionado que nunca", asegurou Lores no transcurso dun acto no que estivo apoiado pola líder do BNG, Ana Pontón, e por varios integrantes do grupo municipal do Bloque en Pontevedra.

Nunha concorrida rolda de prensa celebrada na sede de Afundación e ambientada para tal ocasión co lema 'Lores, paixón por Pontevedra', o actual rexedor explicou que tomou a decisión hai aproximadamente un mes, despois de falalo co seu grupo municipal.

"Recomendáronme, moi acertadamente, que me fixese unha pregunta: 'Se fose para presentarte por primeira vez, estás co pulo e a ilusión para levar adiante proxectos con garantías? E a miña resposta foi un si, sen matices", dixo.

A única condición, indicou, foi presentarse cun proxecto "a oito ou dez anos vista". "Porque o que me motiva non é ver cousas que xa están en marcha, senón emprender e rematar outras novas", sinalou.

Neste sentido, respecto ao modelo de cidade, explicou que o que fixo "feito está". "Forma parte da mellor historia de Pontevedra, pero xa é pasado", sinalou para indicar que, por iso agora quere abrir "unha nova etapa" centrada na loita contra o cambio climático e a prol da economía circular e a "explosión de creatividade" que se vive na Boa Vila.

Lores, de 68 anos de idade, leva 23 como alcalde de Pontevedra, e hoxe asegurou que a nivel persoal, está "máis que ben, física e animicamente" e no aspecto político, sostivo que, "sen ningunha dúbida", está no seu "mellor momento" desde que é alcalde. Deste xeito, quere seguir gobernando ata os 78 anos, xa que o seu proxecto di que é para "oito ou dez anos máis".

Sobre a campaña electoral, o nacionalista prognostica que será "a máis dura" á que se enfrontará debido a "forzas escuras que non lle queren a Pontevedra e non queren que se poida presentar, como o está facendo, como referente ambiental".

Por iso, Lores está convencido de que haberá "maledicencias, escraches, xulgados, fiscalías e mesmo agresións físicas". "Porque as forzas escuras xa están a actuar" para "defender uns privilexios", sostivo.

Agora, Miguel Anxo Fernández Lores deberá someter a súa decisión á aprobación da militancia do BNG.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta