Cáritas Diocesana de Mondoñedo-Ferrol atendeu máis de 4.700 persoas o ano pasado

Destinou mais dun millón de euros aos seus diferentes programas para axudar os máis necesitados.

Por E.P. | Santiago de Compostela | 16/06/2022 | Actualizada ás 16:46

Comparte esta noticia

Cáritas Diocesana de Mondoñedo-Ferrol atendeu ao longo do ano 2021 a 4.777 persoas en situación de exclusión a través dos seus diferentes programas e servizos e grazas a 358 persoas voluntarias e 13 persoas contratadas. Así o destacou este xoves a coordinadora de Cáritas, Marta Pazo, durante a presentación da Memoria do ano 2021 no Centro de día de inclusión comunitario Gabriel Vázquez Seijas. Alí estivo acompañada do bispo de Mondoñedo-Ferrol, Fernando García Cadiñanos, e do responsable de Comunicación na ONG da Igrexa católica, José María Pérez.

Presentación da Memoria do ano 2021 de Cáritas en Ferrol
Presentación da Memoria do ano 2021 de Cáritas en Ferrol | Fonte: Europa Press

Na súa intervención, Pazo detallou que "a maior parte das persoas atendidas chegaron a Cáritas a través da rede diocesana de acollida, pola que 4.008 persoas foron acompañadas, cun total de 1.608 familias".

No que refire ao perfil das persoas atendidas, "o maioritario continúa sendo o de mulleres, cun 55%, con nacionalidade española, no 64% do caso e con menores a cargo".

Marta Pazo precisou que "aínda que as persoas migrantes non é o perfil maioritario, percíbese un aumento significativo nos últimos anos". Así, cifrou nun 10% o incremento desde o 2018 a pesar do parón que provocou a pandemia na entrada de poboación migrante. Os países de procedencia maioritaria son Colombia, Marrocos e Venezuela.

Ademais, detallou que "a falta de acceso a prestacións e a imposibilidade de incorporarse ao mercado de traballo regulado, arroxa a moitas familias con menores a cargo a vivir na extrema pobreza".

En canto ás persoas sen fogar detallou que no Centro de día de inclusión social Gabriel Vázquez Seijas "acolleu no 2021 a 406, maioritariamente homes de nacionalidade española, do que 95 acudiron por primeira vez nese ano".

Cáritas Diocesana de Mondoñedo-Ferrol investiu no ano 2021 un total de 1.027.324,49 euros, dos cales 829.656,42 euros (80,8%) destináronse aos programas de acción social. Destes, o 37 % destínase a acollida e acompañamento e o 26% a formación e inserción laboral.

Máis de 472.000 euros destináronse directamente a "axudas económicas e as necesidades básicas relativas á alimentación e, cada vez con máis peso, a vivenda, a maior fonte de gasto neste concepto".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta