Nova campaña arqueolóxica para estudar o galeón 'San Giacomo di Galizia', afundido en Ribadeo no século XVI

Dáse continuidade aos estudos iniciados en 2018 para avanzar no coñecemento da construción naval da Coroa española naquela época.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 16/06/2022 | Actualizada ás 18:30

Comparte esta noticia

A Xunta puxo en marcha unha nova campaña arqueolóxica no pecio do galeón San Giacomo di Galizia, en Ribadeo, para dar continuidade aos estudos iniciados en 2018 e avanzar no coñecemento da construción naval da Coroa Española do século XVI en colaboración co Institute of Nautical Archeology de Texas.

Inspección dun pecio en Ribadeo
Inspección dun pecio en Ribadeo | Fonte: Xunta de Galicia.

Nesta ocasión, está previsto levar a cabo, durante case tres semanas, unha intervención na parte central do buque e sondar o perfil transversal da embarcación para continuar co estudo da disposición da quilla e da carlinga. Ademais, o equipo técnico liderado polo arqueólogo Miguel San Claudio tamén establecerá un modelo comparativo para seguir á hora de avaliar a evolución da arquitectura naval da época e asentar os mecanismos que permitan monitorar a evolución do xacemento.

O proxecto, que conta tamén coa participación da Unidade de Mergullo da Armada española, complétase co estudo dun novo pecio localizado nunha intervención levada a cabo o pasado ano, así como na ampliación do coñecemento doutros aspectos vinculados á dinámica portuaria a cultura asociada a este porto histórico.

GRUPO INTERNACIONAL DE ESPECIALISTAS

O pecio do San Giacomo é un dos grandes xacementos localizados ata o momento da súa época e, estes últimos anos, está a achegar unha importante información arqueolóxica sobre a construción naval da Coroa española do século XVI.

Neste sentido, hai que lembrar que a Xunta de Galicia impulsou campañas arqueolóxicas nos anos 2018, 2019 e 2020 coa colaboración dun equipo internacional entre os que, ademais de especialistas da Unidade de Mergullo da Armada Española e do Instituto of Nautical Archeology de Texas, destacan expertos do CSIC, da University of Wales Trinity Saint David, do Maritime Archaelogy ou doutras institucións como a Federación Galega de Actividades Subacuáticas, a Real Liga Naval Española ou o Real Club Náutico de Ribadeo.

Na última destas campañas constatouse que se conserva preto dun 20% da estrutura da cuberta ao longo da eslora no costado de babor e localizouse unha cureña naval, un elemento novo en España que consiste nun tipo de carro para montar as pezas de artillaría, así como unha gran cantidade de munición de pedra e ferro.

As campañas dos anos 2018 e 2019 consistiron na realización de sondaxes arqueolóxicas para caracterizar o pecio, concluíndose a existencia dunha gran cantidade de madeira estrutural cun estrato arqueoloxicamente fértil e que conserva, no seu interior, numerosos elementos de interese patrimonial e cuxa potencia se estima moi importante. Ademais, recuperáronse algúns dos obxectos.

Ata o ano 2018, as diferentes actuacións levadas a cabo neste xacemento consistiron na toma de datos para a conservación e o estudo dendrocronolóxico para a datación dos restos. Aínda que ambas as tarefas resultaron relevantes para o coñecemento científico do xacemento, na actualidade está a se traballar nun estudo integral do pecio.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta