A Deputación de Pontevedra colaborará con Segittur para promover o modelo de Destino Turístico Intelixente

Formar parte desta Rede DTI permite "mellorar a competitividade" mediante novos modelos de gobernación que inclúan a innovación e a tecnoloxía como ferramentas.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 17/06/2022 | Actualizada ás 13:02

Comparte esta noticia

A Sociedade mercantil Estatal para a Xestión da Innovación e as Tecnoloxías Turísticas (Segittur) e a Deputación de Pontevedra subscribiron un acordo de colaboración que converte á administración local en entidade promotora do modelo de Destino Turístico Intelixente (DTI) na provincia.

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, asinou este venres un convenio co presidente de Segittur, Enrique Martínez, polo que se compromete a impulsar actuacións e servizos coordinados que melloren o desenvolvemento turístico da provincia.

O programa de Destinos Turísticos Intelixentes, do que forma parte a Rede DTI, foi posto en marcha pola Secretaría de Estado de Turismo a través de Segittur para contribuír a mellorar a competitividade dos destinos españois desde a perspectiva da sustentabilidade e a accesibilidade mediante novos modelos de gobernación que inclúan a innovación e a tecnoloxía como ferramentas.

A Deputación de Pontevedra é a única administración galega en formar parte da Comisión Executiva da Rede DTI. Segundo comentou Carmela Silva, no goberno provincial "desde o primeiro momento" entenderon "que era un eixo prioritario" da súa "acción" formar parte desta Rede DTI, porque "permite adquirir coñecemento" e tamén "formar parte dunha rede onde se promoven boas prácticas", entre outros motivos.

A presidenta resaltou que hoxe dan "un novo salto" coa firma deste convenio que converte esta administración provincial na primeira entidade galega en exercer de punto de acceso DTI. Desta maneira, a Deputación pontevedresa firma esta colaboración para situar a provincia como un destino innovador, con infraestruturas tecnolóxicas avanzadas, accesible e que garanta o desenvolvemento sustentable.

Carmela Silva valorou que "levar a intelixencia turística a todo o destino é unha grandísima idea" e lembrou que desde o primeiro momento "o mundo local se sumou de forma maioritaria a esta Rede", que definiu como "un instrumento prioritario para modernizar o sector". "Estamos a construír país", afirmou, xa que, segundo recalcou, "non hai sector económico tan potente como o turismo".

Pola súa banda, Enrique Martínez explicou que por parte de Segittur están "a facer énfase en incluír os destinos que teñen poucos medios, que sen as deputacións non lle poderían facer fronte".

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva
A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva | Fonte: Rafa Estévez - Deputación de Pontevedra.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta