Nace o FLAZ, 1º Festival Literario de Allariz

Terá lugar os días 1 e 2 de xullo con encontros nos que participan figuras recoñecidas do mundo literario como: Emma Pedreira, Juan Tallón, Katixa Aguirre, Edurne Portela, Diego Ameixeiras e José Ovejero.

Por Galicia Confidencial | Allariz | 20/06/2022 | Actualizada ás 09:00

Comparte esta noticia

O Concello de Allariz atrévese con outro encontro cultural de altura, neste caso embárcase na coorganización do 1º Festival Literario de Allariz (FLAZ) que se celebrará os días 1 e 2 de xullo. Por que?, Como? e Para que escribir hoxe en día? serán cuestións centrais, que compartirán seis figuras recoñecidas da literatura actual.

A concelleira de Promoción Económica, Turismo e Comercio, María López Rodríguez, e o responsable de contidos da Libraría Aira, César Lorenzo. Foto: Prensa Concello Allariz
A concelleira de Promoción Económica, Turismo e Comercio, María López Rodríguez, e o responsable de contidos da Libraría Aira, César Lorenzo. Foto: Prensa Concello Allariz

Serán dous días coas escritoras e os escritores convidadas/os: Emma Pedreira, Juan Tallón, Katixa Aguirre, Edurne Portela, Diego Ameixeiras e José Ovejero; para dialogar, entre eles e co seu público lector, nun novo festival promovido pola libraría Aira das Letras e o Concello de Allariz.

“Allariz ten unha identidade literaria alén do patrimonio histórico: do Padre Feijoo a Marcial Suárez, ese perfil inspirounos á hora de promover o FLAZ. A programación nútrese dunha selección de autores contemporáneos, tres de Galicia e tres de fóra. Galego, castelán e éuscaro son os idiomas das súas obras”, explicaba César Lorenzo, responsable de contidos culturais da libraría Aira das Letras. 

FORMATO NOVIDOSO

Cun formato de conversas a dúo e un encontro final co conxunto das figuras literarias convidadas, o FLAZ ten un obxectivo claro: reivindicar o amor á literatura e aos libros. O desexo dos seus promotores: ofrecer ao público unha programación de interese cultural que, dende o ámbito local, esperte o interese da comunidade lectora e redunde no traballo global do sector do libro. Dous días nos que a Casa da Cultura acollerá a programación central que se complementará con outras actividades a desenvolver en diferentes espazos da vila. Unha delas, os xantares literarios abertos á comunidade lectora, para os que haberá que inscribirse previamente e que terán lugar nos restaurantes colaboradores Alarico e Fío de Liño.

Cartaz obra de Miguel Robledo
Cartaz obra de Miguel Robledo

O FLAZ ten un obxectivo claro: reivindicar o amor á literatura e aos libros

COMPROMISO CON 'EVENTOS CULTURAIS DIFERENCIADOS'

Desde Aira das Letras considérase o FLAZ como unha extensión natural do labor das librarías e do seu compromiso con autores, coa comunidade lectora e coa contorna local. A esencia deste encontro literario é retomar o contacto directo entre autores e público tras dous anos de pandemia. “Agardamos a participación activa do club de lectura de Allariz, pero non queremos cirscunscribirnos só á vila. Pensamos que o FLAZ é unha escusa estupenda para visitar Allariz. A axenda destes seis autores e autoras fai que atopalos xuntos sexa unha oportunidade única”, apuntaba César Lorenzo.

Pola súa banda, a concelleira de Promoción Económica, Turismo e Comercio, María López Rodríguez, sinalou que o obxectivo é “consolidar o festival, que se suma á programación cultural diferenciada con eventos como o Poemagosto ou Allariz Ilustrado”.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta