Veciños de Terra de Montes presentaron en Beariz máis de 100 alegacións contra o proxecto de conexión a 400Kv

Sinalan ademais que foi admitida a trámite unha denuncia por presuntas ilegalidades no procedemento administrativo de dous parques no concello do Irixo.

Por Galicia Confidencial | Beariz | 19/06/2022 | Actualizada ás 20:19

Comparte esta noticia

A asociación Alarma Terra de Montes presentou o venres 17 de xuño unha serie de alegacións no concello de Beariz ao proxecto Conexión Beariz 400Kv. Acusan de silencio administrativo á
institución local ante as instancias presentadas por vía eléctrónica. Ademais, comprobaron que o proxecto, cuxo periodo de alegacións remata o vindeiro 21 de xuño, non estaba exposto no taboleiro municipal e tampouco na sede electrónica.

Eólicos en Paradela
Eólicos en Paradela | Fonte: Cedida - Arquivo.

Declaran tamén que a mesma situación se deu no Concello de Boborás, nin no taboleiro municipal nin na sede electrónica estaba a exposición do proxecto. Nestes días, e nesta mesma liña sinalan que foi admitida a trámite unha denuncia por presuntas ilegalidades no procedemento administrativo de dous parques no concello do Irixo.

Desde a asociación consideran "necesario e urxente que os concellos expoñan a información ao público tal e como obriga a lei". "É o futuro de todas e todos o que está en xogo", sinalan e non pode ser que "a catro días de finalizar o periodo de alegacións a un parque, este nin sequera estea exposto cando os concellos son os primeiros en ter noticias das empresas". Por último remarcan que "é agora ou nunca, ou están cos veciños, ou coas empresas".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta