PSdeG e BNG reclaman á Xunta maior orzamento para solucionar o "colapso" dunha sanidade "precarizada"

Así mesmo, sostivo que o sistema está tan "precarizado" que fai que "a metade do MIR que se forman en Atención Primaria non queiran traballar nesa especialidade por malas condicións laborais".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 20/06/2022 | Actualizada ás 14:58

Comparte esta noticia

O BNG e o PSdeG coincidiron este luns ao reclamar á Xunta máis orzamento para solucionar os problemas da sanidade pública galega que, segundo alertan, está en "colapso" e "precarizada".

Nunha rolda de prensa ofrecida este luns na Cámara galega, a líder do Bloque, Ana Pontón, volveu a denunciar a "situación de colapso" da sanidade galega, tras "máis dunha década de recortes e privatizacións".

Así mesmo, sostivo que o sistema está tan "precarizado" que fai que "a metade do MIR que se forman en Atención Primaria non queiran traballar nesa especialidade por malas condicións laborais".

Fronte a iso, insistiu na necesidade de activar un plan de choque dotado con 200 millóns para contratar profesionais e aumentar a carteira de servizos no que é a porta de entrada ao sistema público de saúde.

Pola súa banda, a viceportavoz parlamentaria do PSdeG, Begoña Rodríguez Rumbo, acusou ao Goberno galego de "negar a realidade" do "colapso sanitario" en Galicia e asegurou que "así dificilmente poderán pór os medios para resolver o problema e ofrecer a sanidade que os galegos necesitan".

Tras asegurar que a sitaución actual deriva de que "a política da Xunta desde 2009 non foi pór ás persoas no centro das políticas, senón cadrar as contas", sostivo que os "recortes" dos 13 anos de goberno do PP "derivaron na falta de profesionais e de condicións laborais adecuadas".

Ademais, emprazou ao Goberno galego a escoitar as propostas da comisión de expertos constituída polo PSdeG no ámbito sanitario e volveu a reclamar o incremento en 140 millóns de euros en primaria nos orzamentos para o próximo ano.

Por último, despois de que o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, descartase o salario como o motivo da falta de médicos e asegurase que "65.000 euros máis gardas" non é un "mal soldo", a socialista indicou que o que se ve no orzamento "non coincide con esa contía" e sostivo que a situación non responde só as condicións económicas senón á "precariedade na prestación de servizos".

RESPOSTA DO PPDEG

En fronte, a secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, reprochou a PSdeG e BNG que, "lonxe de axudar a pór medidas realistas", dedíquense a "criticar" as que a Xunta propón "en positivo".

Neste contexto, a tamén viceportavoz parlamentaria sinalou que a lei que acompañaba aos orzamentos autonómicos para 2022 creou esa nova figura de médicos especialistas en Atención Primaria, con 106 prazas para zonas de Galicia "onde é difícil cubrir as prazas".

"Son prazas sen necesidade de oposición, de concurso, efectivamente cun bo soldo. Non se se son 65.000 ou 60.000 euros, pero si sabemos que Galicia tomou esa decisión de forma pioneira en España buscando solucións ao problema", defendeu.

Ao fío diso, Prado lamentou que PSdeG e BNG "votaron en contra desa proposta" coa súa 'non' á lei de acompañamento aos orzamentos.

Así mesmo, a secretaria xeral do PPdeG insistiu na petición ao Ministerio de Sanidade de que cre a especialidade de Urxencias e deixe formar a 64 médicos MIR máis este ano en Galicia.

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda,
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, | Fonte: David Cabezón - Xunta de Galicia.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta