Todo o que tes saber para preparar o cacho de San Xoán coas herbas que te librarán dos males

Lavar a cara con auga das fontes e plantas recollidas no monte forma parte dun dos rituais máis estendidos desta festividade. Velaquí a guía para levalo a cabo.

Por Uxía Iglesias | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 22/06/2022 | Actualizada ás 14:00

Comparte esta noticia

A do San Xoán é unha das festividades máis populares de Galicia, unha celebración de orixe pagá celebrada con motivo do solsticio de verán e coa que se dá a benvida á estación máis calorosa do ano. Durante esa xornada, na que o Sol alcanza o seu maior apoxeo, dise que tamén o mal adquire unha maior capacidade de danar as persoas, os animais ou as colleitas. É por iso que as fogueiras e as sardiñas pingando no pan veñen acompañadas dun bo feixe de rituais para afastar das casas os posibles maleficios e doenzas que puidesen acontecer.

Un cacho con herbas de San Xoán
Un cacho con herbas de San Xoán | Fonte: Galiciangarden

Unha das tradicións máis coñecidas é a do cacho coas herbas de San Xoán, que consiste en recoller unhas cantas plantas do monte, metelas canda a auga da fonte no interior dun recipiente de boca ancha - o que se coñece como cacho - e deixalas ao orballo durante toda a noite para, á mañá seguinte, lavar a cara con elas. A cultura popular di que a máxica noite de San Xoan aumenta as súas propiedades medicinais, aromáticas ou de protección ante os demos e as bruxas, e polo tanto, o seu uso neste ritual enténdese como un acto de purificación e coidados ante calquera mal.

AS HERBAS MÁIS COMÚNS

Se ben non hai cacho igual, son sete as herbas que máis se repiten ao longo de Galicia nesta tradición, que chega ata os nosos días grazas á súa transmisión interxeracional. Silvia Domínguez, bióloga e autora do libro 'As herbas de San Xoán. Caderno de campo para faceres o cacho', explica que suman sete, e non máis nin menos, porque este era un número máxico e de referencia tanto para o paganismo coma para o cristianismo. Con todo, cóntanse por decenas as herbas que á fin poden ir parar ao cacho dependendo da zona e da súa dispoñibilidade. 

Así pois, a fórmula común confórmana, segundo explica Domínguez, a herba de San Xoán, o fiúncho, a herba luísa, a xesta, o fento macho, a malva e o romeu. "Máis alá destas habituais, moita xente bota ruda, roseira, figueira -para unhas colleitas e familias fecundas-, sabugueiro, nogueira, estraloque...", engade a bióloga, que explica con tino as diferentes propiedades de cada unha das herbas:

As herbas de San Xoán
As herbas de San Xoán | Fonte: Pinterest

A herba de San Xoán, coñecida tamén como a herba das feridas, é "o espantademos por excelencia dende a antigüidade", sinala. Trátase dunha planta que bota flores de cinco pétalos amarelos, con pintas negras e moitos estames. Na medicina tradicional emprégase como cicatrizante e antiséptica, e de feito, o refraneiro di aquilo de que "a herba de San Xoán limpa a cara de grans".

O fiuncho, unha planta aromática que bota pequeniñas flores amarelas, espanta o mal de ollo e corre os malos espíritos. Ademais, é efectiva contra as inflamacións dos ollos, a asma e as malas dixestións. 

herba luísa, de folla alongada e flor branca cativa, é a herba especial contra os enganos amorosos, e presenta bondades para as dores do estómago e da barriga. 

Coa xesta facíanse escobas para varrer as casas e os fornos onde se cocía o pan. No cacho bótase, di Domínguez, para "varrer as malas enerxías". É unha planta arbustiva, con ramas delgadas e flor amarela. 

O fento macho é un tipo de fento moito máis grande, que medra preto de zonas moi húmidas. Dise del que é protector das colleiras, e de feito, "cando se botaban as patacas nunha cesta sempre ía recuberta de fentos, ao igual que nas zonas de pesca os mariñeiros o utilizaban para poñer enriba del o peixe". Trátase dun antiparasito, moi apreciado contra as tenias. As lendas contan que bota flor xustamente pola noite de San Xoán.  

'Cunha horta e un malvar hai menciñas para un fogar'... Da malva emprégase todo: pétalos e follas. É boa para afeccións dixestivas e da pel, para abrandar as durezas tralo traballo duro do campo. "Era habitual que a xente lavase as mans nun regato e viñera machucando follas e flor de malva para coidar as mans", di Domínguez, que apunta que se bota no cacho, precisamente, para 'abrandar' o carácter da xente aceda ou aflixida. 

Por último, Domínguez destaca o romeu, que se utiliza na medicina tradicional contra a reuma, a artrite, os trastornos do sistema circulatorio, a depresión ou as dores de gorxa. Crese que é a herba que protexe e purifica os fogares galegos. "Cando hai malas vibracións nunha casa, quéimase unha ramiña desta planta", explica.

COMO PREPARALO E QUE FACER DESPOIS CON EL?

A véspera do San Xoán é o momento de ir recoller ao monte ou na mesma casa estas plantas. "A esencia desta tradición é que conectes coa natureza, que leves as crianzas, que vaias buscando as herbiñas e aprecies o que te rodea", sinala Domínguez. Di a tradición que son sete as fontes nas que hai que coller a auga, mais de non ser posible, pode collerse do lugar "máis puro" que haxa na contorna. Unha vez no cacho, a mestura debe deixarse macerar ao orballo da noite para, á mañá seguinte, lavar a cara. "Esa auga, que se cre bendita, non se tira logo de calquera xeito. Hai quen lla pasa aos animais pola cara, e despois, déitaa no xardín ou na horta", di Domínguez. As herbas, pola súa banda, poden gardarse secas para queimar na cacharela do ano seguinte, ou ben crear con elas un ramiño co que facer incienso. 

"O máis importante é a intención, a felicidade de facer o cacho. Vale máis patear o monte e coller unhas cantas herbas, aínda que non estean todas, ca mercar un ramo de herbas de San Xoán xa preparado", anima a bióloga, que redactou o seu 'caderno de campo' coa intención que manter a tradición e de poñer en valor "a sabedoría de todas as avoas e todas as persoas maiores". 

A PRIMEIRA GUÍA EXPRESIONISTA DAS HERBAS DE SAN XOÁN

Cunha intención similar, a de transmitir ás súas fillas o que a ela lle ensinaran, a profesora Dores Pereira comezou a construír un "manual doméstico" das herbas de San Xoán hai uns 20 anos. "Quería rescatar do esquecemento unha tradición que naquel momento pensei que podía perderse". A súa filla pequena, di, foi quen estimulou a idea, quen a fixo consciente da necesidade de asegurar a tradición sobre o papel para logo transmitila. Agora, vinte anos despois daquelas primeiras anotacións, ese pequeno caderno cobrou vida en forma da primeira guía expresionista das herbas de San Xoán: 'Herbas da Noite'. Fíxoo da man da súa filla mediana, a arquitecta e artista Paula Lago, encargada dunha coidada ilustración e edición. 

"Eu, de cativa, vivía a preparación do cacho coma unha festa alegre e divertida, desvencellada de calquera obriga. Era o puro pracer de camiñar, ulir, tocar diferentes texturas, intentar recoñecer todas as plantas...", relata Pereira, que apunta que na súa aldea, en Atios, no Porriño, se recollen ata 27 plantas diferentes. Polo camiño da creación deste libro, Dores mergullouse nas historias e tradicións de moitas das súas veciñas, e entre tanto, tamén experimentou algunha vivencia curiosa. "Había unha planta concreta que nunca daba atopado, o romanillo, mais pasados os anos, un día que baixaba do monte na véspera de San Xoán, case caio nunha especie de raíz cunhas ramiñas. Collinas, leveillas á miña veciña para que me dixese de que planta se trataba, e resultou ser o famoso romanillo. Gústame dicir que foi el quen me atopou a min, e non eu a el. Hai pequenos azares que teñen o seu puntiño máxico", fala Pereira. E é que nada escapa aos feitizos dunha noite de San Xoán.

Este mércores, 22 de xuño, nai e filla presentarán o libro no museo municipal do Concello de Ponteareas. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta