Familias compostelás denuncian o "caos" no programa de conciliación do Concello

Aseguran que a corporación municipal ten "absolutamente abandonada" a área educativa.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 21/06/2022 | Actualizada ás 20:00

Comparte esta noticia

A Federación de Anpas Compostela denuncia o "caos" xerado no sorteo de prazas do programa municipal de conciliación do Concello de Santiago. "É doado comprobar o tamaño do caos ao revisar as listaxes de agarda: nada menos que 35 cativos sen praza da primeira quenda, 124 na segunda, 74 na terceira, e cerca de 40 en cada unha das tres restantes", recollen nun comunicado.

Crianzas xogando. CONCELLO DE COLMENAR
Crianzas xogando. CONCELLO DE COLMENAR

Estas cifras, segundo as Anpas, poñen de manifesto a demanda da cidadanía compostelá deste programa educativo, pero tamén a "errática actuación do departamento en materia de conciliación". Lembran, neste sentido, que na Semana Santa de 2021 non se puxo en marcha "porque, segundo indicaba o concelleiro, non había demanda entre as familias"; e tampouco no verán pasado, cando "aludiron que bastaba coa oferta dos CSC e da ludoteca María Miramontes". "No Nadal si houbo oferta en dous centros, no Entroido non e na Semana Santa de 2022 tan só nun único centro", engaden.

Hoxe, denuncian que 345 familias quedaron fóra do programa a dous días de que comecen as vacacións escolares, "tal vez porque o concelleiro estimou que ían sobrados coas prazas ofertadas", recriminan. Desde Fanpa Compostela teñen a seguridade de que a demanda é aínda maior, dado que a demora na presentación do programa provocou, din, que moitas familias compostelás optaran por outras alternativas "fartas de agardar polo concello".

Así, Fanpa Compostela esixe un "cambio rotundo" na xestión da concellaría de educación, "non só coa substitución da persoa responsable, senón coa firme aposta por parte da Alcaldía de construír un departamento que dea resposta aos problemas e inquedanzas reais das familias compostelás, e que sirva de motor de cambio para unha área, a educativa, que está absolutamente abandonada no noso Concello", sentenzan.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta