A CIG acusa a Rueda de "sectarismo" por excluíla da reunión que mantivo con UGT, CCOO e patronal

O sindicato nacionalista solicita unha reunión ao presidente da Xunta.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 21/06/2022 | Actualizada ás 14:32

Comparte esta noticia

A CIG solicitou unha reunión ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda, despois do "sectarismo" do Goberno galego de non convocar a "central sindical máis representativa" ao encontro que mantivo o pasado 14 de xuño en Santiago con UGT, CC.OO. e patronal galega.

Delegados da CIG maniféstanse en Santiago para reclamar medidas contra a inflación e un aumento de salarios
Delegados da CIG maniféstanse en Santiago para reclamar medidas contra a inflación e un aumento de salarios | Fonte: CIG.

"Rueda cumpre ao milímetro a súa palabra de encabezar un goberno continuista das prácticas de Alberto Nuñéz Feijóo, do mesmo xeito que o seu predecesor, nega a existencia da CIG non convocándoa á reunión que o pasado martes, 14 de xuño, mantivo cos sindicatos CC.OO. e UGT", censura a CIG.

O sindicato explica que co encontro con Rueda busca abordar a situación socioeconómica de Galicia e trasladar as súas propostas para as políticas que ten previsto adoptar a Xunta ante a "grave crise" existente.

"Omitir a CIG constitúe un grave desprezo para miles de traballadores e traballadoras do noso país, representantes sindicais de empresas e afiliados/as da nosa organización", avisa o secretario xeral da CIG, Paulo Carril.

Fronte ao "reiterado desprezo" a este sindicato, a CIG expón que "tanto en número de delegadas e delegados como en afiliación" é o que ten maior representación.

"A decisión da CIG de non participar no denominado 'Diálogo Social en Galicia' responde a unha decisión soberana desta organización, tomada en uso da súa liberdade sindical, e non pode ter máis consecuencias que as inherentes a aquel proceso, do cal non se deriva que a Xunta e os seus representantes poidan vulnerar gravemente os nosos dereitos de participación institucional e dispensarnos un trato discriminatorio como represalia pola adopción de decisións sindicais lexítimas", sostén.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta