Pontevedra presenta unha "ambiciosa e intensa" programación para as festas de verán

Danza, cinema, música, animación infantil, romarías, monólogos e literatura forman parte das actividades

Por E.P. | Pontevedra | 21/06/2022 | Actualizada ás 17:19

Comparte esta noticia

A concelleira de Festas de Pontevedra, Carme da Silva, presentou a "ambiciosa e intensa" programación das 'Festas de Verán' con multitude de eventos que empezan este mesmo martes e que chegará ata setembro para demostrar que "Pontevedra non ten parada".

Feira Franca en Pontevedra
Feira Franca en Pontevedra | Fonte: Concello de Pontevedra

Danza, cinema, música, animación infantil, romarías, monólogos, literatura, entre outras actividades, forman parte dunha programación "ecléctica e diversa, pensada para todos e todas" e que promete "encher de vida, lecer e cultura os barrios, as parroquias, as prazas e as rúas da Boa Vila".

A primeira gran cita é o festival Surfing the Lérez e a última é a Feira Franca, un "fervedoiro de actividades" que non inclúen a programación das festas da Peregrina, que serán obxecto dunha presentación separada.

"Decidimos sacalo separadamente porque xa sería un tomo de enciclopedia e non un libro manexable", chanceou Carme da Silva, que prometeu que "pronto" se falará da Peregrina e "das súas sorpresas". "É un verán que chega con moitas ganas de alegría e de contacto humano", lembrou a edil.

PROGRAMA

Tal e como queda recollido no programa oficial, a Boa Vila ten por diante o Surfing the Lérez (23-25 de xuño), a mostra internacional de cinema LGBTIQA+ Ambienta (27 de xuño a 1 de xullo), o III Festival de Música de Cámara Cidade de Pontevedra (2 a 3 de xullo, en Santa Clara), o Animatrón (5 a 8 de xullo), a Festa dos Libros (8 a 10 de xullo), o ciclo de Música de Bandas (9, 16 e 23 de xullo), a Romaría de San Bieito de Lérez (11 de xullo), o XXIII Memorial Ricardo Portela.

A lista segue coa homenaxe a Maruxa Miguéns e Xosé Romero (15 a 17 de xullo), o XXVIII Festival Internacional de Jazz e Blues (20 a 24 de xullo), o Festixeve (21 a 24 de xullo), as Festas de Santiaguiño do Burgo (22 a 26 de xullo). Tamén se recuperará o ciclo de actuacións Urbana Monte Porreiro (27 a 30 de xullo), Cinema ás Estrelas (27 o 31 de xullo), Trebellando na Alameda.

Xa en agosto será a quenda do Ciclo infantil de teatro música e maxia (1 a 5 de agosto), Noites de Monólogos (1 a 5 de agosto), Galicia Ilusiona (2 de agosto), o Festival internacional de animación na rúa Itineranta (3 a 5 de agosto ), a Senda Festival (5 e 6 de agosto), Con voz de muller (6 a 10 de agosto), O Son Local (9 ao 12 de agosto), Aquí Cántase (12 de agosto), a Festa do Demo (23 de agosto) e, por último, a Feira Franca (2 e 3 de setembro).

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta