Nova etapa na Editorial Galaxia

A empresa viguesa busca duplicar o seu capital social de aquí a 2015. A editorial, unha das máis importantes do país, vai lanzar unha plataforma para produtos dixitais, por exemplo libros electrónicos, crear dúas filiais para o mercado foráneo, onde pronto comezará a venta de libros en español na Arxentina e en portugués no Brasil.

Por Galicia Confidencial | Vigo | 06/08/2014 | Actualizada ás 10:25

Comparte esta noticia

A Xunta Xeral de accionistas da Editorial Galaxia  aprobou unha ampliación de capital para "desenvolvementos estratéxicos". Esta ampliación de capital pretende chegar aos 600.000 euros en dous anos.

Autores, directivos e traballadores de Galaxia
Autores, directivos e traballadores de Galaxia

Ampliación de capital

Segundo o Rexistro Mercantil, Galaxia tiña un capital social de 247.000 euros. Para lograr a ampliación, a editorial abriu un proceso que, a data de hoxe, di que acada xa 270.000 euros, segundo se informou na xunta xeral de accionistas e se anunciou previamente na súa web. 

A emisión consta de paquetes  en distintas etapas ao longo de todo o presente ano 2014 ata a próxima xunta xeral no ano 2015. Os principais accionistas arestora son a Asociación Cultural Fundación Penzol, con máis do 50 por cento. e a Fundación Isla Couto, con máis do 20 por cento.

Os novos plans de Galaxia inclúen a creación dunha plataforma dixital para a promoción, difusión e comercialización de produtos culturais (Galaxia Dixital), sempre relacionados coa cultura galega e, inicialmente, apoiados no mundo do libro, particularmente na edición en papel e descargas de e-books.

Complementariamente, e na procura de mercados exteriores, lanzaranse nos próximos meses as empresas Mar Maior-Editorial Galaxia S.A. e Gatipedro S.L., que iniciarán as súas actividades en Buenos Aires en marzo do vindeiro ano e que se presentarán, proximamente, en Bruxelas, en Madrid e en Brasil (ano 2016).

O desafío da edición dixital

A empresa anuncia que para afrontar os desafíos que as novas tecnoloxías e os mercados da globalización impoñen, Editorial Galaxia S.A. promoverá unha plataforma dixital específica para o libro e os produtos culturais galegos, “que non será incompatible e poderá colaborar ou mesmo instalarse noutras plataformas xa operativas, pero que marcará de xeito moi específico a identidade galega, porque sen identidade non existimos”.

No primeiro trimestre do ano 2015 presentaranse os primeiros 200 títulos para descargas dixitais, todos eles do catálogo histórico da editora, tanto clásicos como contemporáneos.

Lamzamentos en Portugés

Mar Maior-Editorial Galaxia S.A. nace coa intención estratéxica de proxectar a cultura galega no mundo, en calquera soporte tecnolóxico e en calquera lingua. No primeiro trimestre do ano próximo sairán os primeiros títulos na Arxentina. Para outono deste ano están previstas as primeiras saídas en Bruxelas e Madrid; e estase a traballar na constitución da filial en Brasil (Salvador de Baía ou Sao Paulo) para os primeiros lanzamentos en portugués do Brasil contra finais do ano 2015 ou no primeiro trimestre de 2016.

Os primeiros títulos pensados para o público arxentino son: “Historia de Galicia” de Ramón Villares, cun capítulo especial dedicado á cidade de Buenos Aires e a presenza histórica dos galegos na Arxentina; “Circe o el placer del azul”, de Begoña Caamaño (traducida por Xosé Antonio López Silva), “Huinca Loo” de Xavier Alcalá (traducida polo propio autor); “El vidrio roto. Cuentos para las Américas” de Emilia Pardo Bazán, relatos recuperados da prensa arxentina que a escritora galega publicou a finais do século XIX e nos primeiros anos do século XX, con prólogo do profesor González Herrán, e “El libro de las Siniguales y el único Sinigual” da novelista arxentina de orixe galega María Rosa Lojo, ilustrado por Leonor Beuter.

En outono Mar Maior-Editorial Galaxia presentará en Madrid, ademais dos anteriormente citados, a obra en castelán de Álvaro Cunqueiro (”El año del cometa”, “Fanto Fantini”, “Las flores del año mil y pico de ave” y “Tertulia de boticas prodigiosas”), Xulia Alonso (traducción de “Futuro imperfecto”) e “Laura en el desierto” de Antón Riveiro Coello, traducido por Xosé Antonio López Silva. Para a primavera de 2015 está prevista a saída dos primeiros títulos da obra que escribiu en castelán Eduardo Blanco Amor: “La catedral y el niño”, “Los miedos”, “Las buenas maneras…”

Iniciativa civil para tempos de crise

Freixanes

En palabras do director xeral de Galaxia, Víctor F. Freixanes, “somos conscientes de que os tempos son difíciles, pero a cultura galega está a xogar a súa existencia no novo século, e iso pasa por actuar na globalización, apoiándonos en todos os recursos tecnolóxicos e lingüísticos. Non podemos perder esta batalla, que é a batalla dos novos termpos. Temos que poñer en valor todos os nosos recursos creativos, que son moitos, tanto históricos como actuais. Unha cultura que non responde aos desafíos da contamporaneidade está condenada a desaparecer”.

Tamén insiste noutra cuestión, apelando ao sentido práctico e ao realismo: “Galaxia ten 64 anos de historia e un patrimonio cultural de primeirísimo nivel, que se acrecenta día a día e do que todos nos sentimos responsables. Por iso apelamos ao conxunto da sociedade civil, para que se comprometa co noso proxecto cultural. Con ambición e sen complexos, mais pisando onde pisa o boi, porque as escaleiras súbense banzo a banzo, non dun golpe”.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Gamela

E onde pisa o boi...? Ata hoxe "pisaba no Grupo Anaya" e ao mellor agora volve pisar cara á corte... non si? / Estes Editores sonche unha verdadeira coña... A ver se desta vai Galaxia adiante dunha vez?