Piden precaución co alcol, a condución e o lume das fogueiras nesta noite de San Xoán

O 061 atendeu na noite de San Xoán de 2021 un total de 26 intoxicacións, catro accidentes de tráfico e unha queimadura provocada polas fogueiras.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 23/06/2022 | Actualizada ás 13:53

Comparte esta noticia

A Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061 recomenda precaución co consumo de alcol, a condución e o lume das fogueiras para evitar incidentes durante a celebración da noite de San Xoán.

A través dun comunicado de prensa, o 061 destaca que reforza o seu persoal na franxa horaria na que ten lugar esta celebración ante o incremento da demanda sanitaria. Segundo engadiu, as intoxicacións etílicas ou por drogas, os accidentes de tráfico e as queimaduras producidas no ámbito das fogueiras constitúen a causa principal das chamadas de consulta e asistencia sanitaria.

Por iso, aconsella á hora de saltar fogueiras, evitar as pezas de roupa sintéticas e utilizar preferiblemente as de algodón. E no caso de que prenda lume, recomenda non correr para que non se aviven as chamas. Así, insiste en que hai que tirarse ao chan e moverse ou quedar quieto mentres alguén o apaga.

Se algunha persoa sofre algún tipo de queimaduras, o 061 incide en que "é importante" alertar a Urxencias Sanitarias "inmediatamente". Tamén aconsella "non realizar desprazamentos en automóbil en caso de consumir alcol ou drogas" co fin de evitar accidentes.

NOITE DE 2021

O 061 atendeu na noite de San Xoán de 2021, entre as 21,00 horas do mércores 23 e as 9,00 horas do xoves 24 de xuño, un total de 26 intoxicacións, catro accidentes de tráfico con tres persoas implicadas e unha queimadura provocada polas fogueiras.

Pontevedra con 12 intoxicacións etílicas ou por drogas foi a provincia que rexistrou máis atencións, seguida da Coruña con 10; e Lugo e Ourense con dous en ambos os casos. Na noite de San Xoán do ano pasado recibiu atención unha persoa menor de idade por queimaduras na provincia da Coruña, que foi trasladada a un centro sanitario.

Fogueiras na Coruña en San Xoán
Fogueiras na Coruña en San Xoán | Fonte: Europa Press - Arquivo.

SAN XOÁN NA CORUÑA

Pola súa banda, a alcaldesa da Coruña, Inés Rey, fixo tamén un chamamento á responsabilidade para que San Xoán sexa unha noite de "celebración e de festa", pero "con sentidiño" para que a xornada transcorra sen incidencias. Para iso, insistiu en que non se baixen aos areais "madeira nin vidro" e lembrou a repartición de madeira que fará o Concello a partir das 19,00 horas. Pediu, ademais, a colaboración cidadá para recoller o lixo xerado durante a celebración.

En canto á mobilidade, instou a que se use o transporte público "na medida do posible" dado que haberá cortes de tráfico. A alcaldesa reiterou tamén a existencia de "tres puntos violeta" para prestar asesoramento e asistencia en casos de posible violencia machista.

Os concertos comezarán ás 22,30 e os xogadores do equipo Hockey Club Liceo prenderán a falla a medianoite, tras os fogos artificiais. Respecto da nora situada no peirao de Batería, a rexedora anunciou que estará operativa a partir deste xoves ás 17,00 e ata o próximo 21 de agosto.

DISPOSITIVO ESPECIAL DA GARDA CIVIL 

A Garda Civil de Tráfico despregará este xoves e venres un dispositivo especial nas estradas galegas que incrementará os controis de alcol e drogas ante a celebración da noite de San Xoán. Os controis, segundo trasladou o Instituto Armado este xoves, levaranse a cabo "a calquera hora do día e en calquera estrada, especialmente en vías convencionais e naquelas nas que o índice de sinistralidade é máis elevado".

O obxectivo é reducir a accidentalidade ocasionada por aqueles condutores que circulan polas estradas tras consumir alcol ou "calquera outra substancia psicotrópica". Deste xeito, a Garda Civil convida a cidadanía a actuar con responsabilidade, especialmente en datas sinaladas como a deste 24 de xuño, que é festivo de carácter autonómico.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta