Betanzos homenaxea a Xoán Branco, dirixente da gran revolta irmandiña

Conferencias, poesía e teatro da man da asociación Lar de Unta para afondar no coñecemento deste persoeiro.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 26/06/2022 | Actualizada ás 13:20

Comparte esta noticia

A Asociación Lar de Unta vén de organizar unhas xornadas en homenaxe á figura de Xoán Branco, notario e escribán de Betanzos e o dirixente máis representativo da gran revolta irmandiña que sacudiu Galicia entre 1467 e 1469, como preludio da Feira Medieval que se desenvolverá na vila de Betanzos dende o 8 de xullo ao 10 de xullo.

Feira Medieval en Betanzos
Feira Medieval en Betanzos | Fonte: cultura.gal

Co obxectivo de afondar no coñecemento deste persoeiro por parte de toda a cidadanía, a asociación presenta un completo calendario para poñer en valor a súa figura, que foi determinante nas revoltas que condicionaron o Betanzos medieval. As xornadas contan coa colaboración da Deputación da Coruña e do Concello de Betanzos. 

O programa comeza cunha andaina guiada de acceso libre a toda a cidadanía de Betanzos o domingo 26 ás 12:00 horas. Xa o luns, ás 20:00 horas, o Salón Azul acollerá a conferencia "O espiritu revolucionário de Antolin Faraldo" por Dani Seixo; e o martes á mesma hora terá lugar en Biblos a presentación do libro coa obra teatral de Maria Xosé Lamas "Un corvo en Caldaloba".

O mércores ás 20:00 horas no Salón Azul recital haberá un poético de varias persoas - "Recital poético Irmandinho" -, e por último, o xoves, Biblos acolle a conferencia de Fran Zabaleta, autor do libro "Xoán Branco e a grande revolta Irmandinha". Dentro dos actos da Feira Medieval tamén se realizará un sketch teatral na Feira Medieval adicado á figura de Xoan Branco. 

XOAN BRANCO

Xoán Branco, notario e escribán de Betanzos, foi o dirixente máis representativo da gran revolta irmandiña que sacudiu Galicia entre 1467 e 1469, o único capitán xeneral, que se saiba, que non procedía do estamento nobiliario, como sucedeu no caso de Alonso de Lanzós, Diego de Lemos e Pedro Osorio, os outros tres grandes nomes da revolta.

Branco é citado polos documentos da época como deputado, representante ante o rei, capitán xeneral e, fundamentalmente, home honesto e cabal, amigo dos pobres e preocupado polos abusos dos señores. Aparece na memoria colectiva derrubando fortalezas, ordenando o axustizamento de malfeitores e acudindo ante o rei Henrique IV en representación dos irmandiños.

Foi quen de agrupar labregos, burgueses, artesáns, mercadores e cregos na defensa da paz e o bo goberno. A súa morte, tras a derrota da Irmandade, está rodeada de misterio. As fontes afirman que o mataron, aínda que sen especificar quen nin en que circunstancias. A súa memoria perdurou no imaxinario popular como exemplo de home xusto e defensor dos humildes.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta