Persoas de 18 a 35 anos poderán pedir axudas da Xunta para o pago do aluguer a partir deste venres

Os que queiran comprar a súa residencia habitual no rural terán dereito a unha axuda de ata 10.800 euros.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 27/06/2022 | Actualizada ás 15:51

Comparte esta noticia

As persoas entre 18 e 35 anos poderán solicitar as axudas de 250 euros ao mes do 'Bono de alugueiro mocidade' a partir deste venres, 1 de xullo, destinado a facilitar a este colectivo o pago do aluguer da súa vivenda habitual. Así o informou a Xunta, que indica que agarda que uns 3.800 mozos e mozas poidan acceder durante dous anos a estas axudas, dotadas cun orzamento de 22,8 millóns de euros. O proxecto será publicado no Diario Oficial de Galicia (DOG) este xoves, e poderase solicitar a partir do día seguinte.

Alúgase, cartel, aluguer, piso
Alúgase, cartel, aluguer, piso

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, informou destas subvencións en materia de vivenda para 2022. Resaltou que o seu departamento xestionará este ano unha trintena de programas, que cualifica como "unha grande oportunidade" para Galicia.

Por outra banda, a responsable de Vivenda do Executivo galego resaltou que no mes de xullo tamén se convocará o 'Bono de alugueiro social', dirixido aos colectivos "máis vulnerables".

Igualmente, Vázquez previu a posibilidade de incrementar nun 20% o importe máximo das axudas ata chegar aos 660 euros mensuais, cando "a unidade de convivencia estea composta por cinco ou máis persoas".

Nesta liña, a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda destacou outro programa orientado aos menores de 35 anos que busca "incentivar" ás persoas novas a contribuír ao "reto demográfico". Vázquez afirmou que se trata dunha das liñas de apoio á adquisición de vivendas pensada para concellos de menos de 10.000 habitantes e cun orzamento de 1,5 millóns.

Desta forma, a conselleira subliñou que os mozos e mozas que queiran comprar a súa vivenda habitual no rural, unha vez publicada a convocatoria, terán dereito a pedir unha axuda de ata 10.800 euros.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta