As bandas galegas destacan no arranque do Brincadeira 2014

As propostas do país gañaron por goleada neste primeiro día con pouco público e ambiente frío nunhas estupendas instalacións.

Por Fernando de Arana | Santiago | 08/08/2014 | Actualizada ás 14:10

Comparte esta noticia

Escaso ambiente de público no Monte do Gozo para asistir ao renovado Festival Brincadeira. Menos de 1000 persoas, aproximadamente, animáronse a subir na tarde noite de onte ao evento que se encargaron de abrir, no escenario principal, Pedrito Diablo y los Calaveras.

O rapeiro de Cerceda Xenderal no Festival Brincadeira 2014
O rapeiro de Cerceda Xenderal no Festival Brincadeira 2014

Pero a festa xa comezara moito antes. Dende as primeiras horas da tarde os artistas encetaron os bailes dos madrugadores nos escenarios Dub Station, quizais o máis animado do festival, e no Brincadeira Show que abriu o norteamericano e inclasificable Zan Hoffman, omnipresente ao longo da xornada por todo o festival, destilando bo rollo e bailes marcianos.

A oferta da terra foi a gran protagonista desta xornada inaugural do Brincadeira. Pedrito Diablo tiveron que lidar cun auditorio moi orfo de público. Aínda así, cumpriron de sobra. Con esa capacidade que teñen para desatar a festa e o baile en calquera ámbito, o seu set resultou como tantas veces dinámico e incendiario.

Os que souberon interpretar moi ben o momento que lles tocou foron os Guadalupe Plata. Os granadinos realizaron un repertorio directo no que non se despeitearon pero á vez estiveron correctos, polo poder que teñen de pasar do blues pantanoso ao punk e á psicodelia. Momentos de emoción desatada pero que non había case con quen compartir, unha pena.

Foi no escenario Dubstation onde puidemos ver unha das mellores actuacións da noite cos galegos Fluzo. O dúo composto por Javi e Jevidestaparon o tarro das esencias, con ese saber innato seu para rachar moldes, repasando a súa discografía selecta con temas como "Mundo Verde", "Medicación", "Paul Naschy", "Cheiras Funky", esta última completamente renovada. E atñe soou un novo tema que parece que formará parte da súa próxima referencia, "Madrugada Italiana". Pena dos problemas de son padecidos durante a actuación, realmente Fluzo merece o mellor dos escenarios posibles en calquera festival, desbordan talento e poucas propostas se poden ver por aí adiante cunha personalidade tan desbordantes nos escenarios.  Son de once sobre dez e o seu espectáculo nunca nunca falla.

Pedrito Diablo no Festival Brincadeira 2014
Pedrito Diablo no Festival Brincadeira 2014

Unha das novidades desta edición era o escenario Brincadeira Show, dedicado a performances, teatro, monólogos, etc. Con moipoquito público, esta foi a tónica xeral, puidemos asistir a uns momentos da proposta humorística de Esther Carrodeguas.

Pasaba a tarde e un dos supostos pratos fortes da noite aparecía no escenario principal, os franceses Inspector Cluzo cumpriron o expediente, intentaron conectar pero a temperatura estaba baixo cero, moi discretos e bastante prescindibles.

E outro dos mellores momentos volveuse ver nese pequeno escenario chamado Dub Station con outro galego, Xenderal. O artista de Cerceda, que domina o beatbox e ao que lle sobran táboas, saíu a por todas como sempre. A similitude con Matisyahuna estética e nalgunhas formas é inevitable. Vestido con ortodoxia galega, traxe de paisano e garrote a xogo, as rimas reivindicativas e por momentos incendiarias a ritmo de ragga do cercedense son clásicos da nosa era: "Tírame da Lingua " ou "A Cochikeira", co que abriu. Pena das interrupcións por constantes apagamentos no escenario que sufriu Xenderal con paciencia ao longo da noite pero que soubo solucionar cunha profesionalidade absoluta.

No escenario principal, Lory Money e a súa "Onda K Ase" reunía nas primeiras filas a un grupo de incondicionais mentres a gran parte do público deambulaba ou conversaba animadamente sen poñer demasiada atención á proposta da formación hispano senegalesa.

E ía pasando a noite con máis pena que gloria e non polas bandas, que o intentaban, senón por un recinto insulso en demasía. Fuel Fandango conseguiu arrancar algúns bailes e deixaban a testemuña a un par de formacións galegas que eran as encargadas de pechar a reunión, Agoraphobia e os locais Los chavales. A orde das actuacións foi algo deslabazadoa, pode dar para falar un bo anaco e non agradou a moitos dos grupos.

Aínda quedan dúas xornadas por diante con suculentas ofertas esta noite como as dos escuros e industriais Das Kapital, o neosoul de Freedonia, a americana de raíces de Arizona Baby, a canción do verán de Georgie Dann ou o skai dos incombustibles Bad Manners.

O sábado será a quenda da diva soul Gloria Gaynor quen con Fangoria e Pony Bravo perfila un cartel que esperemos atraia a un maior número de asistentes a este Brincadeira, que se presenta con forzas renovadas pero polo de agora sen moito apoio do público, sempre imprescindíbel.

Público a primeira hora da tarde no Festival Brincadeira 2014
Público a primeira hora da tarde no Festival Brincadeira 2014
Zan Hoffman cunha fan no Festival Brincadeira 2014
Zan Hoffman cunha fan no Festival Brincadeira 2014
Tags: #Música
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta