A Xunta estima un ano para que Ence estude o proxecto de apertura da fábrica nas Pontes

Conde reitera que este investimento "confirma o compromiso de Ence con Galicia desde o punto de vista industrial". Formoso pide "prudencia" avanza "todas" as facilidades á empresa. O BNG critica que o consello de administración de Ence se reunise na sede da Xunta.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 28/06/2022 | Actualizada ás 14:06

Comparte esta noticia

O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación explicou este martes que o estudo do proxecto dunha fábrica de biomateriais anunciado por Ence para a localidade coruñesa das Pontes ten un prazo dun ano para "avaliar todos os aspectos técnicos, ambientais e financeiros".

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, acompañado polo vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, nunha reunión co Consello de Administración de Ence
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, acompañado polo vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, nunha reunión co Consello de Administración de Ence | Fonte: Xunta de Galicia.

En declaracións aos medios antes do acto de imposición das Medallas Castelao en San Domingos de Bonaval, Conde asegurou que a Xunta vai traballar "conxuntamente" con Ence para estudar todos eses impactos e "garantir que o investimento se poida desenvolver" para, deste xeito, que a compañía "peche o seu ciclo da madeira en Galicia".

Nesta mesma liña, reiterou que a administración autonómica leva "moitos meses" traballando con Ence para identificar "onde se podería desenvolver este investimento" e, sobre todo, a posibilidade de que a madeireira "puidese pechar o seu propio ciclo de produción en Galicia"

Ademais, destacou a localización do proxecto nunha "comarca que estaba moi afectada pola política enerxética do Goberno" e que, na súa opinión, agora "vai ter a oportunidade de desenvolver un proxecto industrial xerador de emprego" e que "xerará moito valor na industria de biocombustibles e na reciclaxe de cartón e de papel".

Por outra banda, Conde subliñou que se trata dun proxecto "complementario" a Lourizán e que vai utilizar a propia celulosa que se fabrica na fábrica pontevedresa para o proceso produtivo. Así, volveu a insistir en que este proxecto "confirma o compromiso de Ence con Galicia desde o punto de vista industrial".

Segundo as primeiras estimacións, a compañía cifra entre 330 e 350 millóns de euros o investimento. Ademais, calcula que poderían traballar, directamente, 150 empregados, outras 400 persoas relacionadas con empresas de mantemento ou transportes e "algo máis de 1.000 persoas" relacionadas con empregos indirectos.

PSDEG

O secretario xeral do PSdeG e alcalde das Pontes, Valentín González Formoso, pediu "prudencia" sobre a instalación dunha factoría de Ence no municipio do que é rexedor, un proxecto ao que mostrou os "brazos abertos" e para o que avanzou "todas" as facilidades. O líder do PSdeGdixo que quere escoitar "directamente" por parte da empresa "cal é a súa intención" e saber "exactamente se ten unha dependencia directa de fondos europeos ou non". "E, en función diso, saber xa con solidez se o proxecto vai tirar para diante", afirmou.

"Estamos xusto no centro do eixo de maior produción forestal de Europa, entre Ferrol e A Mariña; estamos situados á beira dunha gran fonte de auga para a subministración de auga crúa industrial; temos gas natural de alta presión; temos subministración enerxética; mentalidade industrial...", destacou para apelar igualmente á "prudencia" ata que se concrete se "a viabilidade do proxecto depende da obtención de fondos públicos ou se, aínda que estes sexan menores, o proxecto pode saír adiante igual".

"Dada a experiencia que temos de grandes proxectos que ao final tiñan unha gran dependencia de subvencións públicas, queremos despexar esa incógnita antes de ilusionarnos con plenitude", dixo.

BNG

O BNG criticou que o consello de administración de Ence se reunise este luns na sede da Xunta, en San Caetano. O deputado nacionalista Luís Bará censurou que este é "o último invento do PP" e, nesta mesma liña, cuestionou que a próxima reunión en San Caetano "se cadra é do Consello de Administración de Greenalia con Beatriz Mato".

No marco dunha moción presentada polos nacionalistas sobre a política do Goberno galego respecto da autorización de parques eólicos, Bará sinalou que "a penúltima maldade que discorreu a Xunta" foi "a barra eólica para as empresas do Partido Popular". "A conclusión: toda a terra para as eléctricas, para as empresas eléctricas amigas do PP, as empresas dos portalóns xiratorios", insistiu o parlamentario do BNG.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta