Por Galicia Confidencial | O Barco de Valdeorras | 30/06/2022 | Actualizada ás 09:30
A presentación da programación completa e o cartel que será a imaxe do evento tivo lugar na Casa do Concello do Barco de Valdeorras o martes 28 de xuño. Os protagonistas foron o Alcalde da localidade que acolle o evento, Alfredo García, e o presidente do Consello Regulador da D.O. Valdeorras, José Luis García Pando.“Dende o Consello Regulador non deixamos de impulsar accións promocionais para dar a coñecer os nosos produtos”, afirmou García Pando ao tempo que engadía “o godello vive un auténtico boom, como saberedes, pero tamén nos preocupamos por promocionar outras variedades autóctonas menos coñecidas”.
ACTIVIDADES PARALELAS
Con carácter previo aos días grandes da fin de semana, a XXIII edición da Feira do Viño de Valdeorras inclúe dous eventos importantes. Un deles é unha representación teatral para poñer en valor a figura de Florencio Delgado Gurriarán, autor da comarca ao que este ano se lle dedicaron as Letras Galegas. Será o xoves 7 de xullo no Teatro Lauro Olmo ás 20:30 h.
E o outro, que terá lugar o venres 8 de xullo, será a Entrega de Premios da XXIII Cata Oficial da Feira dos Viños de Valdeorras. A Gala será no Complexo hostaleiro Paladium de Vilamartín de Valdeorras ás 21:00 h.
Xunto a isto, tras a inaguración oficial, o sábado 9 ás 13.00 horas e a apertura do recinto feiral, os Xardíns da Casa Grande de Viloira acollerán catas maridadas de viños da comarca con diferentes panes empanadas das I.X.P. Pan de Cea e Pan de Galicia; así coma con queixos de diferentes denominacións de orixe galegas. Tamén se programará unha cata con outros produtos agroalimentarios. O acompañamento musical para este día virá da man da Charanga Támega, e xa pola noite ofrecerá un concerto o grupo local Los Íñigos.
Para o domingo 10, a actividade máis salientable é un curso de iniciación á cata de viños que se desenvolverá nos Xardíns da Casa Grande de Viloira. Ese mesmo día, pola tarde, ofrecerase unha cata dunha selección de viños de Valdeorras maridados con pinchos elaborados polo Café Teatro. Xunto a isto, haberá inchables e xogos para os cativos e cativas. Ao igual que en anos anteriores, o recinto feiral permanecerá aberto en horario de 12:30 a 14:30 horas e de 19:30 a 23:00 horas. A música que ambientará o recinto feiral correrá este día a cargo da Charanga Europa e o prezo das copas fixouse en dous euros.
O programa completo pódese descargar na web do Consello Regulador da D.O. Valdeorras.
CARTEL
Tras un concurso aberto convocado polo Consello Regulador, recibíronse un total de 45 propostas chegadas de toda España. A opción gañadora, elixida polo xurado, foi un cartaz cuxo lema é Moita Vida. Empregando unha botella como fondo o autor representa a interacción de varias persoas a través do viño.
A obra foi realizada por Juan Diego Ingelmo Benavente, natural de Burriana (Castellón).
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.