O Colexio de Xornalistas pide que as persoas egresadas poidan exercer docencia en máis materias

A Rede de Colexios Profesionais de Xornalistas veñen de presentar alegacións ao proxecto de modificación do decreto polo que se regula a docencia nos centros privados.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 30/06/2022 | Actualizada ás 13:08

Comparte esta noticia

O Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia e o resto de colexios agrupados na Rede de Colexios Profesionais de Xornalistas presentaron esta semana alegacións ao proxecto de modificación do decreto polo que se regula a docencia nos centros privados. O borrador recolle a capacidade das persoas egresadas en Xornalismo para impartir Lingua e Literatura, unha reclamación histórica, pero non capacita con esta titulación ou Comunicación Audiovisual para a docencia doutras materias igualmente compatibles coa base formativa dos estudos de comunicación, explica nun comunicado o Colexio de Xornalistas.

Un grupo de mozos observa fotografías da exposición 'Orixes' dos estudantes da Facultade de Ciencias da Comunicación
Un grupo de mozos observa fotografías da exposición 'Orixes' dos estudantes da Facultade de Ciencias da Comunicación

En concreto, o Colexio de Xornalistas solicita que se recoñeza tamén ás persoas licenciadas e graduadas en Comunicación Audiovisual entre as capacitadas para impartir Lingua Castelá e Literatura, Literatura Universal ou Literatura Dramática, do mesmo xeito que xa se habilita á docencia destas materias a egresados en Xornalismo, dado que estas dúas titulacións comparten un número importante de materias e carga lectiva.

COMUNICACIÓN AUDIOVISUAL

Pola mesma razón, pídese tamén que o grao ou a licenciatura en Xornalismo permita dar aulas da materia de Cultura Audiovisual, á que o borrador permite acceder coa titulación de Comunicación Audiovisual. Así mesmo, a Rede de Colexios Profesionais de Xornalistas demanda que se inclúan as titulacións de Xornalismo e Cultura Audiovisual entre as habilitantes para impartir Dixitalización, posto que este é o "perfil máis propicio" para "potenciar a alfabetización mediática e fomentar a conciencia crítica do alumnado no mundo dixital", sinalan.

O mesmo acontece, prosegue o Colexio, con Educación Plástica, Visual e Audiovisual, e Expresión Artística, cuxa base formativa coincide con boa parte dos contidos que se imparten nestas materias. Tamén se reclama a súa inclusión para dar aulas de lingua estranxeira, sempre que acrediten experiencia docente ou formación superior axeitada para impartir o currículo, así como o dominio ou acreditación da lingua correspondente. 

Por último, insístese na necesidade de garantir que as persoas licenciadas e egresadas de Xornalismo e Comunicación Audiovisual poidan optar a impartir as asignaturas de Xeografía e Historia, posto que "a pesar de que xa estaba recollido na normativa, estes profesionais teñen problemas para acceder á docencia destas disciplinas". 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta