O Museo de Pontevedra devolverá a Polonia dous cadros expoliados polos nazis

A Deputación, que o fará de maneira gratuíta, solicitará autorización tanto á Xunta como ao Ministerio de Cultura.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 30/06/2022 | Actualizada ás 14:13

Comparte esta noticia

O vicepresidente da Deputación de Pontevedra, César Mosquera, confirmou este mércores que o Museo Provincial vai reactivar a devolución ao Goberno polaco dos cadros expoliados polo réxime nazi.

O Departamento de Estado de Estados Unidos, na súa memoria do ano 2021, na que recolle un informe sobre Dereitos Humanos, inclúe esta decisión da institución museística pontevedresa ao facer referencia ao roubo masivo de arte durante o control nazi de Europa nos anos da Segunda Guerra Mundial a mediados do século XX.

Neste informe oficial recóllese literalmente que "o museo entregou voluntariamente as obras, aínda que non estaba obrigado a facelo segundo a lei, que di que os compradores conservan os dereitos sobre as obras adquiridas sen 'coñecemento real' do roubo".

O vicepresidente da Deputación explicou que a devolución dos cadros estivo parada durante un tempo "porque non estaba nada claro" que, a pesar da "boa disposición" da institución provincial, "viñese un preito ou unha reclamación pola devolución".

De modo que nos últimos meses estiveron recompilando informes para ter "garantía xurídica" de que a entrega dos cadros que forman o díptico da 'Dolorosa' e o 'Ecce Homo' realizarase a quen corresponde conforme a lei. A Deputación pretende así ter garantías ante unha posible reclamación das pezas non só por parte do Goberno polaco, senón tamén pola familia que se considera lexítima propietaria.

PROCEDEMENTO LEGAL

Neste sentido, Mosquera apuntou que os tratados internacionais establecen que é preciso entregar as pezas ao Estado do que foron expoliadas e despois, xa dentro de Polonia, as partes interesadas deben discutir internamente a quen lle corresponden.

Solicitáronse informes tanto aos departamentos provinciais de Secretaría, á Asesoría Xurídica, ao Ministerio de Cultura e Deporte, e a entidades externas como o despacho de Garrigues Walker. "Queriamos cubrirnos as costas e agora sabemos que estamos cubertos", reafirmou Mosquera.

Agora, a Deputación pedirá autorización para a entrega á Xunta e ao Ministerio de Cultura por ser un ben de servizo público e ben patrimonial, e tamén levará o asunto para aprobación no Pleno da Corporación. A intención é facer a devolución sen compensación económica de ningún tipo.

A identificación do díptico como ben expoliado xurdiu durante o confinamento na primavera de 2020, cando Mariusz Wisniewski, do Departamento de Patrimonio Cultural do Ministerio de Cultura e Patrimonio Nacional de Polonia, contactou co Museo de Pontevedra para sinalar que as dúas pezas pertencían á Colección Czartoryski en Goluchów que fora roubada polos alemáns durante a Segunda Guerra Mundial.

Museo de Pontevedra
Museo de Pontevedra

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Gamela

Mosquera (mosqueado) non se fía da súa Asesoría Xurídica nin do Ministerio de Cultura, que ten que solicitar informes ao Despacho de Garrigues Walker para non meter a pata (?) Logo falamos do Colonialismo na Galiza (e quedamos tan panchos) ?