O novo bono aluguer da Xunta para a mocidade poderase pedir por medios electrónicos desde este venres

Os beneficiarios deberán acreditar que teñen unha fonte regular de ingresos e que estes non superan os 24.318 euros anuais.

Por E.P. | Santiago de Compostela | 30/06/2022 | Actualizada ás 16:45

Comparte esta noticia

A Xunta publica este xoves no Diario Oficial de Galicia (DOG) a resolución pola que se establecen as bases reguladoras das axudas do novo Programa do 'Bono Alugueiro Mocidade' e procédese á súa convocatoria para o ano 2022.

Vivenda en aluguer
Vivenda en aluguer | Fonte: Europa Press.

Estas subvencións, que se concederán por un período de 2 anos e cun importe de 250 euros --sempre que non supere a contía da renda mensual--, están dirixidas a persoas de entre 18 e 35 anos que teñan a súa residencia habitual nunha vivenda ou habitación en réxime de aluguer ou de cesión de uso.

De igual maneira, deberán acreditar que dispoñen dunha fonte regular de ingresos e estes non poderán superar 3 veces o Iprem, é dicir, 24.318,84 euros anuais.

A partir deste venres 1 de xullo, as persoas que reúnan os requisitos económicos, de idade e todos os que se recollen na propia convocatoria poderán solicitar esta subvención, un trámite que terán que facer, obrigatoria e necesariamente, por medios electrónicos.

Para iso, os interesados deberán presentar o correspondente formulario de solicitude na sede electrónica da Xunta, realizar unha serie de declaracións responsables --oito en total--, así como cubrir os anexos correspondentes.

Ademais, os solicitantes do bono terán que achegar pola mesma vía varios documentos complementarios, como o contrato de aluguer da vivenda ou de habitación ou contrato de cesión de uso; a eferencia catastral do inmoble, se non figura no contrato; ou un documento asinado polo arrendador no que conste o importe da renda ou prezo de cesión individualizado, no caso de que se inclúan gastos de comunidade e/ou anexos, cuxo importe non estivese desagregado.

Tamén será necesario achegar o certificado de empadroamento colectivo no que consten as persoas que teñen o seu domicilio habitual na vivenda en cuestión; ou ben certificado individual, se na vivenda reside unicamente o solicitante; así como documentación justificativa da fonte regular de ingresos do solicitante.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta