A Deputación de Baltar, a que máis contratos a dedo adxudicou a empresas durante a pandemia

Economistas alertan de que o Goberno provincial de Ourense mostra o maior “risco de corrupción” polo abuso de contratos menores e a súa concentración en poucos provedores nos últimos anos. Pola contra, a Deputación da Coruña é a que menos uso fai deste tipo de contratacións arbitrarias.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 11/07/2022 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

A Deputación de Ourense, dirixida por José Manuel Baltar Blanco (PPdeG) desde 2012, é unha máquina de entregas de diñeiro a empresas elixidas a dedo, sen concurso público. Das catro deputacións galegas, é a que “presenta a maior cota de contratos menores” nos últimos anos, disparándose aínda máis coa pandemia de covid-19. Segundo datos recollidos e analizados por economistas das universidades de Santiago de Compostela, Salamanca e Minho (Portugal), os contratos menores concedidos polo Goberno de Baltar aumentaron o seu peso relativo coa pandemia, supoñendo nada menos que un 10,53 % do gasto provincial en 2020, mentres que tendeu a diminuír no resto de deputacións.

O líder de Democracia Ourensana (DO), Gonzalo Pérez Jácome (esqueda) e o  presidente da Deputación  José Manuel Baltar (PP)
O líder de Democracia Ourensana (DO), Gonzalo Pérez Jácome (esqueda) e o presidente da Deputación José Manuel Baltar (PP) | Fonte: Rosa Veiga - Europa Press.

Os contratos menores coñécense como contratos a dedo porque as administración públicas non necesitan sacalos a concurso público e son entregados arbitrariamente a prestadores de servizos ou produtos sen máis xustificación que a necesidade do gasto, a súa aprobación e a factura; non se lles esixe na lei un concurso nin un proceso de adxudicación similar para ser contratados, nin tampouco a publicación de todos os detalles do contrato, de xeito que se pode contratar a empresa que se considere e publicar, polo menos trimestralmente, que se contratou, por que prezo e a quen, sen máis detalles.

Para entrar no rango de contrato menor as condición deben ser que o seu valor sexa de menos de 40.000 euros en obras ou de 15.000 euros en servizos ou subministracións. Nestes últimos, o limiar sobe ata os 50.000 euros se se trata de contratos adxudicados por axentes públicos do Sistema de Ciencia, Tecnoloxía e Innovación que non se destinen a servizos xerais. Os contratos menores non poden ter duración superior a un ano nin ser obxecto de prórroga. Ata a aprobación dun Decreto Lei en febreiro de 2020 había un terceiro requisito que foi eliminado: para evitar troceos, e así esquivar as regras que aplican ao resto de contratos, o contratista tiña que xustificar que non asinara máis contratos menores que superasen, xuntos, os 40.000 euros, para fraccionar o contrato e, así, evitar usar procedementos con máis publicidade e maiores esixencias no procedemento; esa esixencia eliminouse para deixar só que se xustificará “que non se está alterando o seu obxecto co fin de evitar a aplicación dos limiares”.

A Deputación de Ourense foi a que máis contratos a dedo concedeu entre 2018 e 2021, disparándose ademais en 2020: 10 de cada 100 euros do seu orzamento foron a parar a empresas elixidas mediante contratos menores

Todo isto sitúa os contratos menores nunha difusa fronteira entre o bo goberno e a corrupción, xa que mediante este mecanismo, as administración públicas poden favorecer os intereses de empresarios afíns sen apenas control. Como explican os autores desta investigación, “a corrupción e a ineficacia dos fondos públicos supoñen un risco nas administracións públicas”, que pode “aumentar” en períodos de emerxencia como a da pandemia de covid-19.

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar
O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar | Fonte: DEPUTACIÓN DE OURENSE.

Por iso, decidiron analizar “o risco de corrupción” nas catro deputacións galegas en relación á concesión de contratos menores nos últimos anos, entre 2018 e 2021, cunha especial atención ao que aconteceu durante a pandemia de covid-19.

“O noso obxectivo foi analizar o efecto da pandemia no aumento do risco de corrupción na contratación pública das deputacións mediante a análise dos contratos menores realizados durante a pandemia. Os contratos menores son un tipo específico de contratación pública moi exposto a prácticas de corrupción”, explican os economistas.

Na súa opinión, “aínda que as deputacións teñen competencias limitadas, estas competencias son vagas e pódense executar con certo grao de arbitrariedade”. E engaden: “A pandemia creou oportunidades para aumentar este risco e o mal uso dos fondos públicos ante a necesidade de actuar con celeridade. Por iso, analizamos se a crise da covid-19 provocou cambios significativos no gasto nas catro deputacións e se supuxo un maior uso de contratos menores, un procedemento de adxudicación sen publicidade nin licitación, que se constata como un aumento do risco de corrupción”.

A DEPUTACIÓN CON MÁIS CONTRATOS MENORES NOS ÚLTIMOS ANOS

O que atoparon foi que a Deputación de Ourense foi a que máis contratos a dedo concedeu entre 2018 e 2021, disparándose ademais en 2020, coa pandemia, até representar nada menos que unha décima parte do total do diñeiro público destinado a contratacións, ao contrario do que aconteceu nas tres deputacións restantes (Pontevedra, A Coruña e Lugo), gobernadas por PSdeG e BNG en coalición, onde o peso relativo dos contratos menores baixou. 

O número de contratos a dedo e as contías adxudicadas durante a pandemia aumentaron tamén na Deputación de Lugo, gobernada polo socialista José Tomé

Con todo, aínda que o peso relativo dos contratos menores respecto ao gasto total só aumento na Deputación ourensán, o número destes contratos e as contías adxudicadas durante a crise da covid-19 aumentaron tamén na Deputación de Lugo, gobernada polo socialista José Tomé. Estas dúas son, precisamente, “as deputacións que máis utilizaban este procedemento antes da pandemia”, clarifican os economistas.

“As deputacións, que tradicionalmente destinaron máis recursos a través de contratos menores (Ourense e Lugo), aumentaron o uso deste tipo de contratación pública coa pandemia de covid-19. E presentan un maior risco de corrupción, como sinalan os distintos indicadores de concentración. Os contratos menores de obra pública foron sobreutilizados pola Deputación de Ourense durante 2020. Ademais, aumentou o número de contratos xusto nos limiares, ademais de concentrarse nuns poucos provedores e mesmo nun mesmo contratista en varias ocasión”, resumen.

En xeral, os economistas observaron que as partidas que máis cambiaron antes e durante a pandemia están relacionadas cos servizos públicos básicos e as intervencións xerais. O ano 2020, cando comezou a pandemia, só presentou cambios substanciais nalgunhas partidas para algunhas deputacións, concretamente, un aumento para as destinadas a servizos públicos na Deputación da Coruña e unha caída para intervencións xerais na de Lugo. Así, segundo os datos, “non se pode sinalar de forma especial o efecto covid-19 na maioría das dimensións analizadas”.

Taxa de variación dos orzamentos previstos e executados nas deputacións galegas 2019-2020

Deputación

Ano

Débeda Pública

Servizos públicos básicos

Accións de protección e promoción social

Produción de bens públicos de carácter preferente

Iniciativas económicas

Intervencións xerais

Gasto total

A Coruña

2020

-

83,9 %

4,0 %

-11,1 %

33,2 %

-43,5 %

7,9 %

2019

0,0 %

90,2 %

-13,4 %

-4,1 %

11,3 %

-31,6 %

4,0 %

Lugo

2020

-3,8 %

57,7 %

-10,7 %

3,5 %

12,8 %

-53,6 %

-2,8 %

2019

-31,8 %

56,4 %

-6,3 %

3,3 %

28,0 %

-48,5 %

6,1 %

Ourense

2020

3,9 %

1,4 %

48,5 %

12,9 %

7,6 %

-9,4 %

8,7 %

2019

-66,7 %

-11,4 %

3,8 %

-2,9 %

-7,8 %

-10,4 %

-8,2 %

Pontevedra

2020

35,6 %

10,5 %

5,4 %

-38,2 %

13,0 %

-2,5 %

0,1 %

2019

-1,0 %

28,3 %

-8,2 %

-9,7 %

22,1 %

7,4 %

7,7 %

Para a elaboración dos orzamentos de 2021, como sinalan os expertos, “xa se tivo en conta a situación derivada da covid-19”. As partidas de gasto previstas das catro deputacións mostraron algúns “valores atípicos”, destacando Lugo e Pontevedra en intervencións xerais (40,1% e 51%, respectivamente) e Ourense en servizos públicos básicos (26%).

Orzamento previsto nas desputacións de Galicia por áreas de gasto en 2021

Deputacións

Débeda Pública

Servizos públicos básicos

Accións de protección e promoción social

Produción de bens públicos de carácter preferente

Iniciativas económicas

Intervencións xerais

A Coruña

0,0 %

1,6 %

29,8 %

14,7 %

26,1 %

27,8 %

Lugo

1,9 %

7,6 %

15,7 %

13,7 %

21,0 %

40,1 %

Ourense

1,0 %

26,0 %

7,3 %

11,8 %

30,6 %

23,4 %

Pontevedra

0,5 %

3,7 %

13,4 %

14,9 %

16,4 %

51,0 %

“A análise destes datos apunta a que parte do gasto das deputacións galegas rexistra en 2020 un incremento estatisticamente significativo con respecto a anos anteriores. Porén, non se atopou evidencia de que as deputacións galegas modificasen substancialmente a súa distribución orzamentaria”, resumen os investigadores.

“De todos os xeitos”, proseguen, “no canto de examinar cambios significativos na contía ou distribución do gasto, é máis relevante analizar como se executa o gasto e como se xestionan os procedementos” nun contexto de crise como o da covid-19. Así, apuntan, “o gasto pódese asignar mediante procedementos máis rápidos e con menor control en tempos de pandemia”, un feito que “supuxo maiores oportunidades de risco de corrupción”.

Os economistas tiveron dificultades para atopar "información sistematizada” dos contratos das deputacións de Lugo, A Coruña e Pontevedra

Por iso, decidiron avaliar o risco de corrupción na contratación pública local durante a pandemia, centrándose nos contratos menores no período 2018-2021, xa que “é relevante para o risco de corrupción, dada a importante porcentaxe de contratos menores no valor total dos contratos, as características destes contratos, así como a tendencia xeneralizada a abusar deles”, xustifican. Porque, como expoñen, “a concentración de provedores en contratos menores pode considerarse un indicador apropiado de corrupción de risco local”, de xeito que “se a concentración de provedores aumenta tanto en número de contratos como en contía, isto implica un maior risco de corrupción”.

Porén, aínda que a lei esixe transparencia na contratación pública, os economistas tiveron algúns problemas para acceder a toda a referida aos contratos menores: “A información para a Deputación de Ourense foi obtida da Plataforma de Contratación do Sector Público. Porén, a información facilitada neste portal para as outras tres deputacións non estaba completa. Como exemplo ilustrativo, a Deputación de Lugo contou só con 11 contratos menores rexistrados dende 2018 ata setembro de 2021, mentres que no seu Portal de Transparencia se identificaron 3.407 contratos”. 

Ante esta “falta de información sistematizada”, os economistas desenvolveron unha base de datos propia que inclúe información de ambas as fontes, estatal e provincial.

MÁIS DUN 10 % DO GASTO PROVINCIAL

Unha vez recollidos a analizados os datos, constataron que “a Deputación de Ourense presenta a maior cota de contratos menores durante o período analizado” e que, nesta, “os contratos menores aumentaron o seu peso relativo no gasto provincial, supoñendo un 10,53% en 2020, mentres que tenden a diminuír no resto de deputacións”. É dicir, 10 de cada 100 euros utilizados pola Deputación de Baltar foron a parar a mans de empresas elixidas arbitrariamente mediante a figura do contrato menor.

Así, o ente ourensán é líder na porcentaxe de fondos públicos que se dedican a contratos a dedo. Pero ao fixarse no número de contratos deste tipo e o volumen do negocio, a concesión destes aumentou durante a pandemia nas deputacións de Ourente e Lugo, cun incremento tanto no número de contratos como na contía adxudicada. “Son, precisamente, as que máis utilizaban este procedemento antes da pandemia”, sinalan os expertos.

A Deputación da Coruña, dirixida por Valentín González Formoso, é na que menos peso teñen os contratos menores no gasto total, sempre por debaixo do 0,60 %

Detalladamente, a Deputación da Coruña, dirixida por Valentín González Formoso, é na que menos peso teñen os contratos menores no gasto total, sempre por debaixo do 0,60 %, un valor que se pode considerar insignificante. Na de Pontevedra, gobernada por Carmela Silva, aínda que maior, non se superou o 2,66 %. Mentre, a Deputación de Lugo sitúase como segunda con maior porcentaxe de gasto por contratos a dedo, acadando un máximo do 6 % en 2018. Por enriba delas destaca a Deputación de Ourense, que chegou dedicar o 10,53 % do seu orzamento a contratos menores en 2020 e que nunca baixou do 8 % nos anos anteriores, porcentaxes ás que non se achegan as demais provincias.

Se nos fixamos nas contías, a Deputación de Baltar é a que máis cartos dos contribuíntes entregou a dedo, nada menos que 23.080.908,58 euros entre 2018 e 2020. Lonxe quedan a de Lugo, menos da metade que a ourensán, con 10.833.577,69 euros, e á que segue de preto a Deputación de Pontevedra, cun total de 9.847.992,13 euros en contratos menores. O da Coruña é o goberno provincial que menos cartos entregou a dedo meses tres anos, un total de 2.377.891,43 euros, menos de 20 millóns que os outorgados pola de Ourense. Chama tamén a atención que o Goberno coruñés é o único que mantivo cada ano as partidas para estes contratos por baixo do millón de euros.

Outro dato substancial é que a Deputación de Ourense foi a única que incrementou o gasto en contratos a dedo no ano 2020, o da pandemia, respecto aos anteriores, cun aumento de case 3,5 millóns de euros. Pola contra, a de Lugo reduciuno en case 1,5 millóns respecto ao ano 2018, pero aumentouno lixeiramente (apenas uns 400.000 euros) respecto a 2019. Ocorre o mesmo no caso da Coruña, que o reduciu nuns 155.000 euros respecto a 2018 pero o aumentou uns 250.00 euros en comparación con 2019. No caso da Deputación de Pontevedra, o gasto en contratos menores no ano da pandemia foi interior ao dos anteriores exercicios, uns 400.000 euros respecto a 2018 e uns 2,1 millóns menos que en 2019.

Ponderación dos contratos menores sobre o orzamento total das deputacións 2018-2021(os datos de 2021 non se engaden ao ser incompletos, só dende o 1 de xaneiro ata o 30 de setembro)

Deputación

Indicador

2018

2019

2020

A Coruña

Orzamento total (TB)

163.752.015,1

191.233.464,1

199.908.881

Contrato Menor (MC)

980.316,83

572.606,40

824.968,20

% MC/TB

0,60 %

0,30 %

0,41 %

Lugo

Orzamento total (TB)

77.262.582,99

89.893.958,33

85.010.995,94

Contrato Menor (MC)

4.637.116,12

2.900.601,34

3.295.860,23

% MC/TB

6,00 %

3,23 %

3,88 %

Ourense

Orzamento total (TB)

80.200.512,93

76.711.741,33

94.236.222,22

Contrato Menor (MC)

6.527.509,1

6.631.780,19

9.921.619,29

% MC/TB

8,14 %

8,65 %

10,53 %

Pontevedra

Orzamento total (TB)

151.794.828,7

171.280.275,3

161.162.631,9

Contrato Menor (MC)

2.839.096,07

4.561.595,52

2.447.300,54

% MC/TB

1,87 %

2,66 %

1,52 %

Entre as adxudicacións directas, o obxecto máis habitual destes contratos foi a obra pública no caso de Ourense, mentres que en Lugo e Pontevedra foron os servizos e na Coruña, a subministración.

Distribución dos contratos menores por obxecto de contrato

Deputación

Obxecto

2018

2019

2020

2021

A Coruña

Obras Públicas

-

13.109,00

52.330,49

-

Servizos

18.00

279.039,92

78.718,73

-

Subministración

40.100,55

33.767,17

50.385,12

21.745,46

Outra

 

63.529,95

 

 

Total

40.118,55

389.446,04

181.434,34

21.745,46

Lugo

Obras Públicas

603.990,31

364.849,56

583.962,84

436.167,97

Servizos

3.019.521,38

1.532.855,70

1.171.406,23

878.155,81

Subministración

1.013.604,43

728.475,88

560.102,52

613.034,92

Outra

 

274.420,20

980.388,64

349.606,68

Total

4.637.116,12

2.900.601,34

3.295.860,23

2.276.965,38

Ourense

Obras Públicas

4.696.373,88

4.417.608,84

6.599.710,17

2.784.233,55

Servizos

1.506.059,78

1.817.406,29

2.686.123,97

1.874.104,47

Subministración

325.075,44

374.057,12

502.026,48

334.230,85

Outra

 

22.707,94

133.758,67

83.345,01

Total

6.527.509,10

6.631.780,19

9.921.619,29

5.075.913,88

Pontevedra

Obras Públicas

369.242,09

997.106,47

639.434,13

399.843,82

Servizos

1.980.995,91

2.936.559,46

1.310.547,50

1.050.370,89

Subministración

476.258,07

613.263,23

375.655,97

213.188,87

Outra

12.600

14.666,36

121.662,94

356.449,18

Total

2.839.096,07

4.561.595,52

2.447.300,54

2.019.852,76

“Chama a atención que a utilización de contratos menores de obra pública é destacable na Deputación de Ourense, mesmo a nivel estatal. Así, é unha das administracións con maior número de contratos presuntamente fraccionados no período comprendido entre o 1 de xaneiro de 2018 e o 31 de xullo de 2019”, salientan os autores da investigación.

De feito, a Fundación Ciudadana Civio publicou en xaneiro de 2020 os datos de “milleiros de contratos públicos que incumpren a lei para poder ser adxudicados a dedo”. Como lembran, “os fraccionamentos para converter un contrato maior en varios contratos menores eran ilegais antes e ségueno sendo. E esta é unha das formas clásicas de corrupción”.

Segundo os datos de Civio, a Deputación de Ourense foi, en 2019, “a administración pública  con más posibles fraccionamentos”, cun importe acumulado de 2.360.492 euros.

Administracións públicas con máis adxudicacións que, sumadas a outras á mesma empresa, superan os limiares dos contratos menores, de xaneiro a xullo de 2019. Fonte: Plataforma de Contratación do Sector Público

Administración pública

Número de contratos

Importe acumulado

Presidencia da Deputación de Ourense

120

2.360.492 €

Presidencia da Autoridade Portuaria de Tarragona

116

1.765.926 €

Ministerio de Fomento e Vivenda de Cantabria

59

1.611.383 €

Consellería da Presidencia da Junta de Castela e León

760

1.559.620 €

Xerencia do Ente Estatal de Dereito Público Penitenciario de Traballo e Formación para o Emprego

102

1.494.538 €

Dirección Territorial de Educación, Investigación, Cultura e Deportes - Valencia

37

1.240.770 €

Consellería de Agricultura e Gandería da Junta de Castela e León

172

1.151.800 €

Ministerio de Fomento e Medio Ambiente da Junta de Castela e León

111

1.146.548 €

Servizo de Saúde das Illas Baleares

99

973.358 €

Consellería de Cultura e Turismo da Junta de Castela e León

148

964.848 €

Non só isto. O informe do Consello de Contas sobre a contabilidade da Deputación de Ourense correspondente a 2018, feito público en 2021, constatou "defectos graves" que "impiden considerala como conta rendida" e puxo o foco en que a institución provincial optou por vías distintas á da concorrencia competitiva á hora de entregar nese exercicio a maior parte de contratos e subvencións.

Por todo isto, os economistas das universidades de Santiago, Salamanca e Minho tamén estudaron a concentración dos contratos menores. E corroboraron que “entre as deputacións, destaca o caso de Ourense”. “Un aumento do gasto en contratos menores vén cunha maior concentración nun número reducido de provedores. É dicir, as dez empresas adxudicatarias de contratos menores manteñen relativamente estable a súa participación no gasto público. Cando esta deputación gasta máis cartos, mantén a parte do gasto público para aquelas empresas ás que máis adxudica. As dez empresas que xestionaron máis contratos en 2020 levaron case un terzo da participación total dos contratos emitidos”, detallan sobre os contratos concedidos polo Goberno de Baltar.

Por outra banda, na análise dos datos non se atoparon excesos nos limiares de contías que a lei establece para conceder contratos menores, “agás uns poucos casos nas catro deputacións”, sinalan. Con todo, subliñan como “un detalle relevante”: varios deses contratos a dedo, “na súa maioría de obra pública, están moi próximos ao limiar dos 40.000 euros na Deputación de Ourense”, isto é, a cantidade máxima permitida por lei. E tamén identificaron contratos adxudicados a un mesmo provedor no mesmo ano e por un mesmo importe para distintos conceptos de obra.

“Así, é habitual atopar contratos por 39.669,42 € con distintos conceptos, como «rehabilitación de edificios de servizos públicos» ou «pavimentación ou mellora de infraestruturas». Na maioría dos casos, a diferenza no obxecto do contrato procede do concello no que se acomete a obra. Non obstante, hai casos nos que no mesmo concello se desenvolven actividades con obxectos moi similares. No que se refire a iguais cantidades de adxudicación de varios provedores, un claro exemplo é que en 2020 se concederon 39.669,42 euros a 24 provedores diferentes en 102 contratos”, debullan os economistas.

"A pandemia favoreceu o uso de contratos menores e unha maior concentración de provedores e fondos, o cal pode levar a un aumento do risco de corrupción" 

RISCO DE CORRUPCIÓN

En resumo, son numerosos os contratos que se adxudican só no límite dos limiares e, en varias ocasións, ao mesmo contratista, o que pode ser un indicio de corrupción.

“O conxunto de indicadores empregados mostra a concentración de adxudicatarios e recursos en contratos menores. Cabe destacar o número de contratos cun valor próximo ao limiar, e esta tendencia aumenta durante a pandemia. Os resultados amosan un maior risco de corrupción naquelas deputacións que maioritariamente (sobre)utilizan este tipo de contratación pública”, explican os investigadores.

Estes economistas defenden que os seus resultados “suxiren que a pandemia favoreceu o uso de contratos menores e unha maior concentración de provedores e fondos, o cal pode levar a un aumento do risco de corrupción na contratación pública provincial; ademais, a falta de transparencia e a axilización dos procedementos dificultan un control eficaz”.

Con todo, advirten de que “non todos os contratos adxudicados desta forma deben ser considerados ilegais” e “habería que examinar os expedientes para saber se eran para o mesmo obxecto”.

Neste sentido, pretenden aclarar que a concesión deste tipo de contratos e a forma na que se distribúen poden ser “indicios de corrupción” que “só funcionan como risco probable”.

“O risco de corrupción non implica inexorablemente corrupción, pero si aumenta a probabilidade de que ocorra”, argúen. Para entendelo, fan unha analoxía: “Unha imaxe comparable é que dúas persoas que camiñan pola rúa en distintos lugares teñen distinto risco de mollarse segundo as precipitacións de cada lugar; porén, non é determinista que a persoa que ande pola rúa no lugar chuvioso se molle máis que a persoa que ande pola rúa no lugar sen choiva. Polo tanto, ao existir un maior risco de corrupción segundo determinados indicadores, non se pode asegurar de forma determinista que se practique máis corrupción neses lugares, aínda que este risco é máis significativo”.

“O problema”, din, “xorde cando o seu uso é abusivo e ás veces interesado”. E iso é ao que cheiran os contratos menores da Deputación de Baltar.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Moine

A única política económica dos Baltar é e foi: a emigraçom. O drama é que os ouresans seguem a lhe dar o voto e o poder. Algo há nos miolos dos seus votantes!