Temas: FRASEOLOXíA

“De vello, gaiteiro”, equivalente á paremia castelá “a la vejez, viruelas”

O lingüista Xosé Antonio Pena Romay publica unha nova entrega da sección de fraseoloxía "Verbas sisudas non queren testemuñas".

Por Xosé Antonio Pena | Compostela | 03/07/2022 | Actualizada ás 11:00

Comparte esta noticia

Para dar conta daqueles en casos que unha persoa xa madura, ou mesmo vella, adopta actitudes que entendemos que corresponden a unha idade bastante máis nova, pero non á que nese momento ten, en castelán é moi común recorrer á paremia a la vejez, viruelas (as vexigas, boas ou varíola –que así é como se denomina esta doenza, e mais as pústulas ou erupcións que produce, en galego– parece que adoitaban afectar a nenos e mozos, mais non a vellos, de aí a orixe da expresión castelá), paremia esta que non en poucas ocasións se calca entre galegofalantes mediante a secuencia *á vellez, viruelas. Non obstante, na medida en que, como acabamos de comentar, a voz *viruela ten o carácter de allea ó galego, parece claro que neste caso nos atopamos ante un fraseoloxismo non admisible na nosa lingua.

Gaiteiro e vaca no roncón
Gaiteiro e vaca no roncón

E é que, ademais, inda hoxe en día é moi usada na fala, para dar conta dese mesmo contido –alén de que está amplamente documentada–, a paremia de vello, gaiteiro:

A la vejez, viruelas

A la vejez, cascabeles en los pies

{= Refrán que se utiliza cando a unha persoa de idade ou xa madura lle arrima por facer algo que se considera impropio da xente do seu tempo, ou cando lle acontece algo que non se considera normal ou habitual para a xente do seu tempo.}

De vello, gaiteiro

[E MAIS]:

Despois de vello, gaiteiro

Ex.: Y es que al pavo, que acaba de ser bisavuelo, se le ha dado por meterse en un curso de paracaidismo. A la vejez, viruelas, colega.

E é que ó nacho, que acaba de ser bisavó, arrimoulle por se meter nun curso de paracaidismo. De vello, gaiteiro, colega.

● E inda tamén, basicamente para aqueles contextos en que se quere manifestar que a persoa en cuestión actúa dun xeito pouco autente e bastante atolado, ou mesmo desfasado:

Canto máis vello, máis pelello

De vello hai quen se troca (en) pelello

Quen de mozo non tolea, de vello perde a cabeza

De mozo non toleou e (agora) de vello perdeu a cabeza

● E mais tamén, gardando relación, e aplicadas naqueles contextos en que unha persoa de idade intenta darse a máis nova por medio de roupa, atavíos, enfeites ou elementos estéticos artificiais:

A burro viejo, aparejo nuevo && A burra vieja, albarda nueva # arracadas nuevas # cicha amarilla && A la vejez, aladares de pez # cuernos de pez

A burro/a vello/a, albarda nova && A cabalo vello, cabezadas novas && A boi vello, chocallo novo

NOTAS:

1. Cómpre ter en conta que naqueles casos en que as dúas primeiras secuencias expresivas se lle apliquen a unha persoa de sexo feminino, pasan a ser empregadas (ou, ó menos, pode pasar a ser empregadas) adoptando o xénero gramatical feminino: de vella, gaiteira; despois de vella, gaiteira.

2. Por mor dun proceso de ampliación e mala interpretación do seu “significado”, non é a primeira vez que temos escoitado o emprego tanto da paremia castelá a la vejez, viruelas coma da galega de vello, gaiteiro para dar a entender que conforme van pasando os anos, van tamén xurdindo alifafes e problemas físicos e de saúde, ou mesmo tamén de cabeza e de memoria.

Mais, tal e como veremos na vindeira entrega, tanto o castelán coma o galego dispoñen de secuencias propias e axeitadas para manifestar o dito contido.

3. As expresións galegas están tiradas das seguintes fontes, ou inspiradas nelas:

- Recolleita propia da oralidade galega.

- Recolleita propia documental (artigos de prensa, artigos ou comentarios na Rede, obras escritas, folletos publicitarios, etc.).

- Ferro Ruibal, Xesús: Refraneiro Galego Básico. Ed. Galaxia, Vigo, 1987.

- Ferro Ruibal, Xesús: “Refraneiro de Grou (Lobios) recollido por Bieito Fernandes do Palheiro”. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 10, 2008, páxs. 241-253. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

- Garrido Palacios, Manuel: Los 400 refranes recogidos en la aldea de Fonfría (Lugo)”. Tirado do url http://www.cervantesvirtual.com/obra-visor/los-400-refranes-recogidos-en-la-aldea-de-fonfria-lugo/html/

- Goce Denis, Amparo: “Parucadas: un ‘dialecto’ vivo nacido en Baiona”. Blog no enderezo de Internet http://parucadas.blogspot.com/

- Graña Núñez, Xosé: Vacilacións, interferencias e outros “pecados” da lingua galega. Ir Indo Edicións, Vigo, 1993.

- Groba Bouza, Fernando: “Nas uñas, nas mans ou nos pés has saír a quen es”. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 16, 2014, páxs. 357-437. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

- Martínez [agora, Martíns] Seixo, Ramón Anxo (dir.): Dicionario fraseolóxico galego. Edicións A Nosa Terra, Vigo, 2000.

- Martíns [antes, Martínez] Seixo, Ramón Anxo: “O labor de fraseógrafo de Manuel Leiras Pulpeiro”. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 4, 2003, páxs. 59-77. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

- Martíns [antes, Martínez] Seixo, Ramón Anxo: “Hai cousas que parecen lousas. Unha nova achega á fraseoloxía do Cachafeiro”. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 18, 2016, páxs. 211-247. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

- Rodríguez González, Eladio: Diccionario enciclopédico gallego castellano, vols. I (1958), II (1960) e III (1961). Consultado no Dicionario de Dicionarios da lingua galega (dirixido por Antón Santamarina).

- Soto Arias, María do Rosario: Achegas a un dicionario de refráns galego-castelán, castelán-galego. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 3, 2003. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

- Taboada Chivite, Xesús: Refraneiro Galego. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 2, 2000. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

- Vázquez Saco, Francisco: Refraneiro galego e outros materiais de tradición oral. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 5, 2003. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

- Ventín Durán, José Augusto: “Fraseoloxía de Moscoso e outros materiais de tradición oral”. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, anexo 1, 2007.

- Zamora Mosquera, Federico: Refráns e ditos populares galegos. Ed. Galaxia, 1972, Vigo.

Temas: FRASEOLOXíA
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta