Condenado a dez anos de cárcere por maltratar a súa parella

O home tamén terá prohibido aproximarse e comunicarse coa vítima e co fillo de ambos durante 15 anos.

Por Europa Press / Redacción | A Coruña | 01/07/2022 | Actualizada ás 18:05

Comparte esta noticia

A Audiencia Provincial da Coruña condenou a dez anos de cárcere a un home por maltratar e lesionar á súa parella, impóndolle ademais a prohibición de aproximarse e comunicarse coa vítima e co fillo de ambos durante 15 anos.

Violencia machista / Macnolete en Flickr www.flickr.com/photos/macnolete/2599959533
Violencia machista / Macnolete en Flickr www.flickr.com/photos/macnolete/2599959533

A causa procedía do Xulgado de Violencia sobre a Muller número 1 da Coruña e polos feitos os maxistrados tamén estableceron para o home a condena de inhabilitación para o exercicio da patria potestade do fillo da parella durante oito anos.

Todo iso debido a que o tribunal considera probado que o procesado, quen mantivo unha relación sentimental coa vítima durante un dez anos, comezou en 2016, tras o nacemento do fillo que teñen en común, a enfadarse e a discutir a miúdo coa súa parella.

Segundo recolle a sentenza, o agora condenado culpaba a muller de "todos os seus problemas", "chegando a golpeala, a tirarlle do pelo, a arrastrala e a empuxala contra os mobles da vivenda".

Como consecuencia destes feitos, a muller sufriu, en varias ocasións, "hematomas nas pernas, ollos e brazos", os cales "ocultaba aos seus familiares e amigos, polo que non saía de casa para evitar que os visen".

Así mesmo, a Sala relata no fallo que estas agresións "chegaron a facerse tan frecuentes que fixeron que a convivencia resultase intolerable para a denunciante", pois o procesado utilizaba a violencia "como medio habitual para impor as súas decisións e a súa vontade á muller".

Os maxistrados recalcan que o acusado "desenvolveu esta pluralidade de actos con desprezo da condición de muller da vítima e á súa liberdade para tomar decisións para sometela á súa vontade e criterio".

Por todo iso, considérase o home responsable de cometer un delito de malos tratos continuados, seis delitos de lesións de xénero e un delito de lesións, sumando unha pena de dez anos de cárcere.

A resolución da Audiencia Provincial non é firme e contra a mesma cabe interpor recurso de apelación nun prazo de dez días ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG).

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta