Dous accidentes de motoristas en Galicia este domingo, un deles tivo que ser evacuado en helicóptero

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 04/07/2022 | Actualizada ás 10:10

Comparte esta noticia

Este domingo tiveron lugar dous novos accidentes nos que se viron involucrados motoristas. Un mozo que circulaba nunha moto foi trasladado nun helicóptero medicalizado despois de caer do vehículo na localidade de Quintela de Leirado. Así o informou o 112 Galicia, que indicou que este accidente se produciu na estrada que une esta localidade con Celanova, á altura do cruzamento de Remuíños.

O 112 Galicia recibiu a alerta deste sinistro uns minutos despois das 19,30 horas deste pasado domingo a través dunha persoa particular. Tras iso, os xestores do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE) 112 puxeron a situación en coñecemento de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, que mobilizou o helicóptero no que o motorista foi evacuado a un centro hospitalario.

Ao lugar o 061 enviou dúas ambulancias de soporte vital básico, un equipo sanitario da PAC de Celanova e o helicóptero medicalizado con base en Ourense. A aeronave evacuou ao ferido, C.A.R., de 25 anos de idade, ao complexo hospitalario ourensán, confirmaron a Europa Press fontes sanitarias.

Tamén, para prestar colaboración co equipo médico desprazado, desde o CIAE 112 Galicia solicitouse a intervención da Garda Civil de Tráfico, de Protección Civil e dos Bombeiros de Celanova, que tamén levaron a cabo a limpeza da vía, para asegurar as condicións de seguridade na zona, unha vez que o ferido foi trasladado.

CAÍDA NO GROVE

Accidente en moto
Accidente en moto | Fonte: Garda Civil

Por outra banda, o 112 Galicia rexistrou sobre as 19,00 horas deste pasado domingo un aviso por outra caída de moto, no concello do Grove. Os feitos sucederon na Avenida de Beiramar e varias persoas particulares avisaron dun motorista que sufrira unha caída de moto e que se atopaba inconsciente.

Por iso, o persoal do CIAE 112 pasou o aviso a Urxencias Sanitarias de Galicia-061, ao Servizo Municipal de Protección Civil e á Policía Local. Ademais, informou os Bombeiros de Ribadumia e ao GES de Sanxenxo.

Posteriormente, os membros de Protección Civil confirmaron ao 112 Galicia que o condutor da moto si reaccionaba e que tiña lesións na boca e nun brazo. Despois de ser inmobilizado nunha padiola, o ferido foi evacuado nunha ambulancia.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta