As inmobiliarias avisan dunha "Galicia de dúas velocidades": as urbes acumulan o 80% da oferta

Os locais baleiros en Galicia diminúen case un 10% de xaneiro a xullo e encarécense en case todas as cidades.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 04/07/2022 | Actualizada ás 11:20

Comparte esta noticia

Galicia conta cun total de 6.350 locais baleiros en aluguer no mes de xullo, un 9,6% menos que os 7.025 que había en xaneiro. Isto provocou un encarecemento destes inmobles nas cidades, coas únicas excepcións de Ourense e Ferrol.

Así consta no 'Informe de locais baleiros no circuíto de comercialización en arrendamento' que fixo público este luns a Federación Galega de Empresas Inmobiliarias (Fegein), que reflicte que os comercios en aluguer descenden de maneira xeneralizada en tres das catro provincias.

A de Ourense é a que máis locais en aluguer contabiliza este xullo, ao crecer ata 2.200 (un centenar máis que en xaneiro). No lado oposto sitúanse a da Coruña, onde baixan ata 2.100 (400 menos) e a de Pontevedra, a 1.700 (-250). Á cola está a provincia de Lugo, con 350, que son 125 menos que no primeiro mes do ano.

En canto ás cidades, a oferta tamén descendeu en todas coa excepción de Ourense, onde pasaron de 1.300 en xaneiro a 1.350 en xullo, co correspondente abaratamento de 6,50 euros o metro cadrado a 6,10 da actualidade. Destaca o caso de Ferrol, onde a cifra de locais dispoñibles para arrendar baixou a 240 (-25), pero o prezo tamén descendeu de 4,50 euros por m2 a 4,20.

Mentres tanto, o cinco urbes restantes rexistraron unha rebaixa da oferta e un aumento dos prezos: en Vigo hai 975 establecementos en aluguer (-100 con respecto a xaneiro) a 7,40 euros por m2; na Coruña, 775 (-125) a 7,40 euros; en Santiago, 325 (-115) a 8 euros/m2; en Pontevedra, 200 (-70) a 7,10 euros/m2; e en Lugo, 200 (-40) a 5,50 euros/m2.

"UNHA GALICIA DE DÚAS VELOCIDADES"

En base aos datos de toda Galicia, a federación galega de inmobiliarias advirte dun aumento dos baixos comerciais baleiros nos municipios de interior e máis pequenos --de menos de 5.000 habitantes--, aínda que nas grandes cidades --agás Ferrol e Ourense-- a tendencia é xustamente a inversa.

De feito, "a desaparición das entidades bancarias en moitos concellos de menos de 3.000 habitantes" dá "a puntilla á 'Galicia baleirada' ao diminuír notablemente a demanda de locais comerciais" nestas localidades.

Así mesmo, Fegein avisa de que "unha ampla porcentaxe de emprendedores autónomos non dan asumido o prezo" dos alugueres nas grandes urbes de GAalia, que son "as únicas que lle poden a priori garantir unha viabilidade da súa actividade económica". Tamén sinalan as inmobiliarias que se produce unha "atomización da demanda" nas áreas de influencia das sete principais cidades, mentres que é "moito máis reducida ou marxinal" no resto de concellos galegos.

"Constatamos unha vez máis unha Galicia de dúas velocidades. Unhas áreas que avanzan e aglutinan o 80 por cento da oferta e demanda e que practicamente se desenvolven en 40 concellos dos 313 actuais. Co cal a demanda en máis de 270 concellos galegos é reducida", resume Fegein.

Rúa Príncipe, en Vigo, cos locais comerciais máis caros
Rúa Príncipe, en Vigo, cos locais comerciais máis caros | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta