Novo "colapso" nas Urxencias do CHUS, con "pacientes graves aparcados nos corredores"

A Asociación de Pacientes e Usuarios do CHUS pide ao Sergas "dotar de máis medios humanos e materiais" os servizos sanitarios.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 05/07/2022 | Actualizada ás 12:22

Comparte esta noticia

A Asociación de Pacientes e Usuarios do CHUS vén de facer unha nova denuncia pública ante o "estado permanente de colapso" nas Urxencias do Hospital Universitario de Santiago de Compostela, con "pacientes graves aparcados nos corredores". Así, recollen nun comunicado, "o día 29 de xuño ás 16:20 horas as urxencias do CHUS tiñan 39 pacientes con ingreso asinado ocupando os espazos de traballo, e 6 cualificados como urxentes pola triaxe estaban aparcados no corredor de acceso en cadeiras de rodas e padiolas".

Colapso nas Urxencias do CHUS
Colapso nas Urxencias do CHUS | Fonte: Asociación de Pacientes e Usuarios do CHUS

Posteriormente, o día 4 de xullo, ás 13:30 horas, a asociación alerta de que o servizo está novamente colapsado ante a "indiferenza e complicidade dos responsables desta área sanitaria". "Seguindo coa política de incumprimento da Lei de Saúde de Galicia, dos estándares de calidade e recomendacións do Ministerio de Sanidade e das recomendación da valedora do pobo, a xerencia e o coordinador do servizo manteñen 42 pacientes co ingreso asinado nas zonas de traballo, pendentes de ocupar unha cama en planta", explica a asociación.

"No corredor de acceso e limítrofes, 9 pacientes graves (6 da área de COVID e 3 dos servizos xerais), en padiolas e cadeiras de rodas, agardan a ser atendidos nos espazos de traballo. Ata cando se vai permitir que se siga vulnerando o dereito fundamental do paciente á dignidade e á intimidade?", prosegue a asociación nun comunicado.

Segundo a información publicada no Pulso do CHUS, nas últimas 24 horas foron atendidas no servizo 405 persoas e o nivel de ocupación das camas era do 59%. "Non existe, polo tanto, un nivel de demanda alto no servizo nin escaseza de medios materiais dispoñibles que xustifiquen esta situación, sentenza a asociación, que pide ao coordinador do servizo que "vele polos dereitos das persoas que acuden en demanda de atención urxente e polo correcto uso das instalacións". Demanda tamén á xerencia e ao Sergas "dotar de máis medios humanos e materiais os servizos de atención primaria e contratar o persoal sanitario que sexa preciso". 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta