A Xunta elimina tamén os bonos cultura porque "o contexto é diferente a 2021"

O Goberno galego recoñece a "boa acollida" da iniciativa, pero insiste en que este ano a actividade do sector "está a recuperarse".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 05/07/2022 | Actualizada ás 14:36

Comparte esta noticia

O secretario xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, explicou que a Xunta non prevé convocar de novo os bonos cultura, que a finais do ano pasado tivo unha "boa acollida", porque "o contexto é diferente" ao de 2021, cando se concibía como unha "acción de estímulo da demanda cultural entre a cidadanía".

Así o xustificou Lorenzo durante a súa resposta a unha pregunta formulada este martes pola deputada do PSdeG Noa Díaz na Comisión 4ª, de Cultura e Educación, do Parlamento de Galicia.

O secretario xeral insistiu en que esta convocatoria, que chegou a case 40.000 persoas con descontos do 50 por cento para adquirir produtos culturais, cun máximo de 50 euros, foi implementada "hai pouco máis de oito meses", nun contexto que facía "necesario" implementar "medidas urxentes de carácter extraordinario".

"O bono cultural non se pode entender como unha iniciativa illada", recalcou Lorenzo, quen enmarcou esta iniciativa nun "conxunto de políticas de apoio á cultura" que a Administración autonómica despregou o ano pasado con "máis de 42 millóns de euros" para reactivar o sector.

"Comezamos o ano 2022 desde outra situación radicalmente diferente, cunha actividade cultural que se está recuperando" e que ten "practicamente plena normalidade", reivindicou, xa que hai unha "oferta variada, diversificada e expandida polo territorio" con case 800 eventos que apoia a propia Xunta.

Fronte ás críticas da deputada do PSdeG porque non se volverá convocar o bono, Lorenzo lembrou que houbo iniciativas similares por parte dos concellos da Coruña e Santiago --con gobernos socialistas-- que tamén finalizaron en decembro. Ademais, lamentou que o Estado chegue "tarde" para convocar o seu propio bono cultural para mocidade e manifestou a súa sospeita con que este anuncio teña que ver coa proximidade das eleccións xerais.

PRAZAS DE TRADUTORES E INTÉRPRETES

Por outra banda, o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, expresou a intención da Xunta de volver sacar unha oferta de prazas de tradutor e intérprete entre o galego e outras linguas --levan sen convocarse desde 2008--, pero non puido precisar cando.

En resposta á deputada do BNG Mercedes Queixas, que denunciou que este "bloqueo" está "a prexudicar" o idioma galego, García recoñeceu que existe esta deficiencia, pero explicou que tamén afecta a Euskadi e Cataluña porque "a Administración do Estado non recoñece os tradutores con estas acreditacións" expedidas polas autonomías.

Por iso, o responsable de Política Lingüística reclamou ao Goberno central "un marco único" para o recoñecemento destes profesionais nas relacións con entidades estranxeiras. En calquera caso, se o Estado non o fai, prometeu que a Xunta seguirá coa súa "intención de actualizar" os decretos e os temarios destas convocatorias, xa que o actual é anterior ao Plan Bolonia.

A Administración autonómica conta actualmente con 11 tradutores entre galego e castelán, mentres que o Estado ten un total de 13.

Arquivo - Cartel do Bono Cultura da Xunta, nunha libraría de Santiago de Compostela.. XUNTA - Arquivo
Arquivo - Cartel do Bono Cultura da Xunta, nunha libraría de Santiago de Compostela.. XUNTA - Arquivo | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta