Santiago e Vigo, propostas polo Goberno para actos durante a Presidencia da UE en 2023

Executivo e CCAA tratarán os preparativos nunha reunión a finais de xullo

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 06/07/2022 | Actualizada ás 12:15

Comparte esta noticia

O Goberno vai propor unha listaxe de 25 cidades de toda a xeografía española, entre as que se inclúen Santiago de Compostela e Vigo, para a celebración das principais reunións que terán lugar durante a Presidencia de quenda da UE no segundo semestre de 2023.

O Comité Organizador da Presidencia Española da Unión Europea aprobou a lista de cidades que o Goberno proporá, en coordinación coas comunidades autónomas e autoridades locais respectivas, para albergar os distintos eventos, informou Moncloa nun comunicado.

A lista aprobada inclúe cidades de todas as autonomías, pero non figuran nin Ceuta nin Melilla, e a idea, segundo o Goberno, é "achegar Europa a toda a cidadanía, e facer visible a Europa e ao mundo a riqueza e diversidade do noso país".

Andalucía é a rexión con máis cidades propostas --Cádiz, Córdoba, Granada e Sevilla-- mentres que outras comunidades autónomas contarán con dúas, como Castela-A Mancha --Albacete e Toledo--, Castela e León --León e Valladolid--, Cataluña --Barcelona e Tarragona--, Galicia --Santiago de Compostela e Vigo-- e País Vasco --Bilbao e San Sebastián--.

O resto de cidades propostas son Cáceres (Estremadura), Xixón (Asturias), Las Palmas de Gran Canaria (Canarias), Logroño (A Rioxa), Madrid, Murcia, Palma de Mallorca (Baleares), Pamplona (Navarra), Santander (Cantabria), Valencia (Comunidade Valenciana) e Zaragoza (Aragón).

Os preparativos trataranse coas comunidades autónomas na Conferencia para Asuntos Relacionados coa Unión Europea que terá lugar no País Vasco a finais de mes, á que asistirán os ministros de Asuntos Exteriores, José Manuel Albares, e de Política Territorial, Isabel Rodríguez.

O Comité Organizador da Presidencia Española da UE é un órgano adscrito á Presidencia do Goberno, que se encarga da programación, planificación, coordinación e execución das actividades das administracións públicas neste ámbito.

COMUNICACIÓN Á XUNTA E ALCALDES

Nunhas declaracións remitidas aos medios, o delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, explica que xa comunicou tanto ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda, como aos alcaldes de Santiago de Compostela, Xosé Sánchez Bugallo, e Vigo, Abel Caballero, que estas dúas cidades acaban de ser elixidas como sedes das reunións da Presidencia española da UE durante segundo semestre de 2023.

"Galicia será unha das poucas comunidades que contará con dúas sedes, o que mostra unha vez máis o compromiso e aposta do Goberno por esta comunidade", dixo o delegado, que sinalou que "Galicia está de moda" e que "é referente en sectores como as renovables, o turismo, a pesca e o agroalmentario".

Bandeira de Galicia coa Catedral de Santiago no fondo.. XUNTA - Arquivo
Bandeira de Galicia coa Catedral de Santiago no fondo.. XUNTA - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta