A economía galega crece, pero por baixo do ritmo do Estado e lonxe dos niveis prepandemia

O Foro Económico de Galicia advirte dun problema de "resiliencia" con dificultades para xerar emprego e cambiar a base produtiva.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 06/07/2022 | Actualizada ás 14:26

Comparte esta noticia

A economía galega crece pero faino por baixo do ritmo do conxunto estatal e con problemas para xerar emprego e cambiar a base produtiva, o que dificulta que se alcancen os niveis económicos previos á pandemia, algo que xa se logrou en países como Portugal, Italia ou Francia pero que aínda non se albisca nin para España nin para Galicia.

Este é o diagnóstico do Foro Económico de Galicia, que advirte que a economía galega está menos preparada para enfrontar o escenario de "incertezas" que se aveciña nos próximos meses polas consecuencias da crecente inflación, os aínda latentes efectos da pandemia e o impacto da guerra en Ucraina. O Foro presentou este mércores en Santiago o informe de conxuntura socioeconómica de Galicia do primeiro trimestre de 2022, no que a economía galega creceu un 5,1%, unha porcentaxe "significativamente" inferior á media estatal do 6,4%. 

Presentación do informe de conxuntura económica do Foro Económico de Galicia do primeiro trimestre de 2022. FORO ECONÓMICO DE GALICIA
Presentación do informe de conxuntura económica do Foro Económico de Galicia do primeiro trimestre de 2022. FORO ECONÓMICO DE GALICIA | Fonte: Europa Press

O coordinador do Foro e catedrático de Economía Aplicada da Universidade da Coruña, Fernando González Laxe, puxo o foco en que tanto Galicia como España están aínda lonxe de alcanzar os niveis económicos previos á crise do covid, algo que si lograron en Portugal, cun crecemento do 11,9% impulsado pola demanda interna.

As dificultades da economía de Galicia para converxer coa etapa previa ao covid acentúan as dúbidas ante a entrada nunha "nova era" na economía global, un escenario que, segundo o tamén expresidente da Xunta, está marcado por grandes "interrogantes" que dificulta a elaboración de proxeccións a futuro.

Neste sentido, o Foro recolle que a inflación é xa o problema que máis preocupa a poboación e avisa que a espiral de prezos pode ter maior impacto en Galicia que noutros lugares polas súas características socioeconómicas. Neste punto, Laxe incidiu en que mentres a Reserva Federal dos Estados Unidos actuou xa para facer fronte con políticas fiscais e monetarias á escalada de prezos, en Europa e España os bancos centrais "van con moito atraso e aínda están a pensar que facer".

Así as cousas, este laboratorio de ideas considera que Galicia mantén os seus problemas para o "relanzamento" da súa economía debido á súa "pouca resilencia", que dificulta a capacidade de responder os problemas que xorden a nivel global. "Crecemos, pero non tanto como España. Xeramos emprego, pero non tanto como España. E tampouco somos capaces de cambiar as bases produtivas", sentenciou Fernando González Laxe, que considera que Galicia ten problemas para "adaptarse á nova era" que se abre na economía global.

INFLACIÓN, "A GRAN AMEAZA"

"A inflación é a gran ameaza da situación económica", aseverou outro dos autores do informe, José Francisco Armesto Pina, que foi o encargado de analizar a evolución da economía durante o primeiro trimestre de 2022 e as previsións para os próximos meses, marcadas polas malas expectativas provocadas pola alza de prezos.

De abril a xuño, a economía galega consolidou a súa evolución positiva de crecemento grazas á demanda externa, algo que, para o Foro, constitúe un elemento de "alerta" a ter en conta porque "é de esperar" que esta se reduza polas circunstancias dun contexto global. Estas incertezas ligadas á inflación, a covid e a guerra obrigaron a rebaixar as expectativas de crecemento, situadas polo IGE no 6% pero que se moverán finalmente entre o 4 e o 4,8%, segundo os expertos do Foro.

A inflación provocará a redución do consumo e diminuirá aínda máis o investimento das empresas, o factor "máis negativo" que existe en Galicia. Todo isto terá un impacto na taxa de supervivencia das empresas e afectará "dunha forma moi importante ás micropemes", resaltou Armesto.

As exportacións sitúase por encima dos niveis previos á crise da covid impulsadas polo téxtil, un dos sectores que mellores datos obtivo no primeiro tramo do ano. Tamén arroxa balance positivo o sector primario, aínda que a alza de prezos supón unha ameaza, especialmente para o sector pesqueiro.

A construción mantense en niveis de contracción por sétimo trimestre consecutivo, mentres que a industria tamén diminúe, aínda que crece a manufactureira pero aínda "moi lonxe" do obxectivo marcado no plan estratéxico que sinalaba este sector como clave para a transformación do modelo produtivo galego.

EMPREGO MELLORA, PERO CON SOMBRAS

En canto ao mercado laboral, Galicia mantén a evolución favorable iniciada na última parte do ano 2021 aparellada á recuperación da actividade, aínda que a situación positiva "esconde" certas sombras, como apuntou o subdirector do Foro Económico de Galicia, Patricio Sánchez.

Así, o Foro advirte de que os datos do paro e da Enquisa de Poboación Activa (EPA) coinciden en que a tendencia é crecente e que Galicia supera a barreira do millón de persoas empregadas, aínda que se mantén a desigualdade entre sexos, a descompensación entre os traballadores por conta allea e conta propia e con máis problemas para acceder a un emprego aos menores de 25 anos, persoas sen estudos e estranxeiras.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta