Que hai detrás da falta de socorristas, ano tras ano, en Galicia?

Contratos de maior duración, flexibilizar a normativa, mellorar as condicións laborais e crear un convenio específico son as demandas máis repetidas cada verán polos servizos de salvamento.

Por Uxía Iglesias | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 12/07/2022 | Actualizada ás 22:23

Comparte esta noticia

No ano 2021 Galicia rexistrou un total de 17 mortes por afogamento. O ano anterior as vítimas alcanzaban as 42, e no que vai de 2022, o Informe Nacional de Afogamentos contabilizou xa un total de seis falecementos por esta causa nas augas galegas, que adoitan situarse entre as máis lutuosas do Estado. Ante o peor maio desde o 2016 a nivel estatal, con 30 falecementos, a Real Federación Española de Salvamento e Socorrismo apelaba ao inicio do verán a unha "profunda reflexión" para que o problema dos afogamentos non sexa, "de novo, o gran esquecido das institucións públicas", que deben, dicía, "asumir a falta de socorristas e a inadecuada formación en moitos casos". 

Socorristas vixían a Praia da Rapadoira en Foz. Carlos Castro - Europa Press - Arquivo
Socorristas vixían a Praia da Rapadoira en Foz. Carlos Castro - Europa Press - Arquivo

Este déficit de profesionais é unha constante que Galicia vén sufrindo verán tras verán nos últimos anos, unha situación que pon en xaque a apertura de piscinas e a vixilancia de moitas praias, mesmo algunhas que conseguiran a bandeira azul. "Os concellos estano tendo difícil. Aqueles que ofrecen tres meses de emprego, máis ou menos, cubren prazas, pero os que contan coa subvención da Xunta de Galicia para tan só dous meses de traballo, están nunha situación moito máis fastidiada", explica a presidenta da Federación de Salvamento e Socorrismo de Galicia, Nuria Rodríguez. 

CERTIFICADO DE PROFESIONALIDADE

Para ela, a raíz da problemática atópase na "falta de atractivo" da profesión derivada do escaso período de tempo de traballo e dos esixentes requisitos impostos pola Xunta de Galicia para acceder ao certificado profesional de socorrismo. "Hai que aumentar o número de días de traballo para que compense a nivel económico e de esforzo formativo", sinala en conversa con Galicia Confidencial. No ano 2012, a Xunta de Galicia aprobou un decreto que fixa a formación mínima do persoal socorrista acuático, un texto que esixe cursar unha instrución de 420 horas, fronte ás 120 que se requirían con anterioridade. Esta formación, indica Rodríguez, rolda os 1.300 ou 1.400 euros de desembolso, se ben hai cursos subvencionados pola Xunta e concellos. 

Dende ese ano 2012, en que foi creado o Rexistro Profesional de Socorristas Acuáticos de Galicia, e ata este 2022, a Xunta aplicou moratorias na esixencia desta acreditación "en aras de salvagardar e garantir a prestación do servizo de socorrismo e manter os numerosos postos de traballo que dita actividade orixina". Mais agora, coas prórrogas finalizadas, todas aquelas persoas que traballaban coa formación anterior na man "están perdendo o título". "Isto bota para atrás a moita xente, socorristas que levan 20 anos no sector e que non lles apetece pasar de novo as probas ou que xa non se ven fisicamente capaces", explica David Lista, socorrista e formador na FESSGA, que ve ben a esixencia dese certificado de profesionalidade pero critica que "se retiren titulacións xa entregadas con anterioridade". 

Unha socorrista vixía unha praia. Joaquín Reina - Europa Press
Unha socorrista vixía unha praia. Joaquín Reina - Europa Press

Dende a Xunta de Galicia sinalan que o ano pasado, mediante un novo decreto, "flexibilizaron as condicións de acceso ao rexistro", onde están dadas de alta agora mesmo 2.500 persoas que poden exercer a actividade. A el, aseguran, tamén se pode acceder pola vía do recoñecemento de tres anos de experiencia laboral nos últimos quince anos ou tendo cursado determinadas titulacións vinculadas. Ademais, a administración fai fincapé no apoio aos concellos na contratación de 453 persoas desempregadas para o desenvolvemento destas tarefas a través dunha orde de axudas de 1,5 millóns de euros, se ben indica que o relativo á contratación é unha competencia "estritamente municipal".  

CONDICIÓNS LABORAIS E CONVENIO

Ademais de demandar contratos de maior duración e unha flexibilización da normativa por parte da Xunta, o sector do socorrismo pon o foco nas condicións laborais e na falta dun convenio específico que regule o traballo do servizo de salvamento nas praias. Lista, que con tan só 20 anos xa vai polo seu cuarto verán como socorrista, considera que a falta de profesionais se debe, neste sentido, "ao soldo". "Non pode ser que en moitos concellos os socorristas de piscina cobren moitísimo máis que un socorrista de praia, onde o nivel de perigosidade tamén debera ser un punto a ter en conta". Polo convenio de instalacións deportivas polo que se rexen, o persoal de socorrismo en praia adoita cobrar uns 1.200 euros, mentres que en piscina pode alcanzar os 1.800 euros. 

Esta diversidade de salarios achácaa Lista á ausencia dun convenio propio que permita crear "familia profesional". Para facer este sector atractivo, di, cómpre non só subir soldos e equiparalos, senón tamén mellorar as condicións en que se desenvolve o traballo ao longo do contrato. "En moitas praias fanse máis horas das establecidas no convenio de instalacións deportivas, non se respectan os tempos de descanso e botas ata oito ou 15 días seguidos traballando sen que haxa inspeccións laborais", explica Lista, que observa que cando o servizo depende de empresas privadas, as condicións están "máis controladas e normalizadas", incluso con maior flexibilidade no relativo a vacacións e horas extra. 

"QUITAR ESTEREOTIPOS"

Este socorrista, que tras pasar por Caión, Ponteceso e Razo asentou este verán na praia de Riazor, na Coruña, traballa dez horas diarias catro días á semana como patrón de embarcación e xefe de praia, dous rangos superiores. "Normalmente a xente pensa que este é o típico traballo de verán supostamente fácil para sacar uns cartos para o inverno mentres estudas. No meu caso a única diferenza é que máis que por necesidade, é por vocación", explica David Lista, que reclama tamén unha maior valoración do traballo dos equipos de socorristas, tanto dentro da profesión como socialmente. "Hai que quitar o estereotipo de que estamos na praia sen facer nada. Isto é un posto de traballo, non vimos descansar", sentenza. 

E é que se trata dun traballo esencial que salva vidas e mantén a seguridade dos espazos acuáticos. Por iso mesmo, dende a Federación de Salvamento e Socorrismo de Galicia levan tempo demandando unha regulación máis alá da cuestión formativa. "Preciamos unha norma que indique os criterios xerais de funcionamento, a duración da campaña, os efectivos ou recursos técnicos necesarios en cada lugar", sinala Rodríguez. Precisamente a falta desta regulación provoca unha tendencia á "privatización" do servizo coa que xa o ano pasado se mostraban críticos dende a Asociación de Socorristas Profesionais do Morrazo, que sinalaban que o "ideal, aínda que moi difícil, sería crear servizos integrais, como parte dos servizos de emerxencias que funcionan todo o ano".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta