A Coruña amplía as zonas de liberdade horaria ao declaralas de "gran afluencia turística"

A medida recibiu os votos en contra de BNG e Marea Atlántica.

Por Europa Press / Redacción | A CORUÑA | 07/07/2022 | Actualizada ás 13:23

Comparte esta noticia

O pleno da Coruña ampliou as zonas de liberdade horaria a Monte Alto, prazas de Lugo e de Galicia e o espazo entre as rúas Linares Rivas e Ramón de la Sagra, que se suman á declaración de Zonas de Gran Afluencia Turística, que xa incluía a Cidade Vella, a zona centro e a contorna de Riazor e Torre de Hércules. Esta solicitude aprobouse cos votos en contra de BNG e Marea.

O portavoz do Goberno local, José Manuel Lage Tuñas, explicou que esta declaración "non obriga" a cambiar horarios. "É algo voluntario e unha ferramenta para que os propios comerciantes poidan aproveitar os períodos de gran facturación", detallou. A concelleira do PP Nazareth Cendán Gayoso pola súa banda, puntualizou que a pesar do voto a favor do seu partido esta solicitude está "sustanciada polas peticións do comercio local, que non pequeno".

O portavoz do BNG, Francisco Jorquera, xustificou a súa negativa argumentando que esta solicitude conta cunha "rotunda oposición das tres centrais sindicais" que achegaron "informes desfavorables" por considerar que esta declaración "agrava as condicións laborais dos traballadores e favorece os grandes establecementos".

O representante de Marea Atlántica Alberto Lema engadiu que a súa formación aposta por unha cidade "feita para as persoas e non só para o turismo" por considerar que esta ampliación horaria vai "en contra da conciliación laboral e familiar".

Os períodos contemplados para a ampliación horaria son Nadal, entroido, Semana Santa e verán. En todo caso, segundo reiterou Lage Tuñas, trátase dunha competencia de ámbito autonómico e é a Xunta de Galicia a que ten "a última palabra".

OUTROS ASUNTOS

A alcaldesa da Coruña, Inés Rei, comezou o pleno lendo unha declaración institucional de apoio ao colectivo LGTBI e facendo unha mención a Samuel Luiz, asasinado o 3 de xullo do ano pasado dunha malleira ao berro de '"maricón" nas inmediacións do paseo marítimo.

Por outra banda, na sesión plenaria aprobouse a modificación do orzamento do Instituto Municipal de Coruña Espectáculos (IMCE) cunha ampliación de 822.665 euros, cos votos a favor de todas as formacións políticas excepto do Partido Popular, pero con críticas á xestión cultural por parte de cada unha delas.

Os representantes políticos coincidiron en destacar que a cultura "a fan as persoas". Valoraron positivamente o financiamento destinado a "programación" e a "mantemento e modernización" dos edificios, pero incidiron na importancia de defender os "dereitos laborais dos traballadores".

Pleno ordinario no Concello da Coruña, último do curso político
Pleno ordinario no Concello da Coruña, último do curso político | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta