Sanidade convida a "gastar pista" para reducir un 15% o sobrepeso en 8 anos

PSOE e BNG apuntan factores económicos para unha alimentación "menos saudable" e piden nutricionistas e psicólogos en Atención Primaria.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 07/07/2022 | Actualizada ás 14:14

Comparte esta noticia

A Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade convida a poboación galega a "gastar pista" co obxectivo de reducir o sobrepeso en oito anos e "lograr unha Galicia con obesidade cero".

Así o afirmou este xoves nunha comparecencia na Comisión 5ª no Parlamento galego a directora xeral de Saúde Pública, Carmen Durán, na que presentou na Cámara autonómica o 'Plan de acción para a prevención do sobrepeso e a obesidade en Galicia desde unha perspectiva de saúde pública 2022-2030', aberto a incorporacións.

Durán solicitou a "colaboración" dos grupos parlamentarios para o desenvolvemento deste plan, para o que apelou a "todos os axentes sociais, políticos..." para, engadiu, "dar unha mensaxe común para reducir o sobrepeso e obesidade".

Este plan cun horizonte temporal de oito anos inclúe 41 accións para lograr 11 obxectivos diferentes co fin de reducir un 15% o sobrepeso no período 2022-2030 fronte ao contexto actual no que "a metade da poboación ten sobrepeso". Para iso, a doutora Durán defendeu accións para "promover contornos saudables" no ámbito educativo, laboral, sanitario, sociosanitario e social e formar e informar para "a toma de decisións máis saudables".

O plan incide en "fomentar o exercicio físico" co establecemento de "retos periódicos". Así, a directora xeral dixo que instan a "gastar pista", e "non só as de baile, senón as de baloncesto, asfalto e terra", entre outras. Por iso, apela ao "esforzo individual e colectivo" para ir cara a "estilos de vida máis saudables" para que "a opción saudable sexa a máis fácil de elixir".

A IMPORTANCIA DE TER EN CONTA AS "CONDICIÓNS CONTEXTUAIS"

Por parte do grupo socialista, o deputado Julio Torrado trasladou o apoio a defender "unha mellor alimentación e mellores hábitos de vida", pero puntualizou que "ter unha vida saudable custa diñeiro" e "iso é un problema". Así, asegurou que nalgúns casos "é máis barato cando comes menos saudable". E como defendeu o BNG no debate, Torrado aposta pola incorporación de nutricionistas en Atención Primaria. Tamén defendeu como "interesante" o imposto ás bebidas azucaradas, que ten Cataluña desde hai anos.

"O plan peca de entrar nunha responsabilidade maioritariamente individual", lamentou, para explicar que el "leva fóra de peso toda a vida" e "as condicións contextuais determinan esa decisión" "Sei que a maneira de comportarse ten máis que ver co contexto que co individuo", sentenciou, para asegurar que "é posible mellorar o plan", que considera "necesario", atendendo ao contexto económico e con "altura de miras".

Nesta liña, a deputada do BNG Iria Carreira, tras reprochar que lle parece "un plan de chapa e pintura" por "quedar na superficie en moitos" aspectos, incidiu na preocupación pola "obesidade en Galicia" e lembrou que para algunhas familias "non é alcanzable", por exemplo, "comer peixe tres veces á semana". A parlamentaria do Bloque insistiu na necesidade de contar en primaria con profesionais como nutricionistas e psicólogos no marco deste plan para reducir a obesidade para que non recaia o traballo nos médicos.

"O plan pode ser mellorado", sostivo, tras sinalar que "parte dunha base común: un problema grave en Galicia", onde o 16% da poboación ten obesidade e a metade sobrepreso. "Fan falta medidas decididas e ambiciosas, que teñen que axustarse á realidade", defendeu. Por iso, asegurou que resulta necesario un "enfoque multidisciplinar" para "facer unha intervención moito máis grande".

Polo seu lado, a portavoz do PP no debate, Encarnación Amigo, destacou que "na prevención está o éxito" e incidiu en que este plan situará a "Galicia na vangarda na prevención do sobrepeso e a obesidade".

Arquivo - Persoa con obesidade.. EUROPA PRESS - Arquivo
Arquivo - Persoa con obesidade.. EUROPA PRESS - Arquivo | Fonte: Europa Press

SUXESTIÓNS

Con todo, a directora xeral agradeceu "todas as suxestións" que lle fixeron chegar para o plan, "avalado por 11 sociedades científicas", segundo reiterou, e indicou que vai "quedar co positivo". En concreto, defendeu o horizonte temporal de oito anos porque resulta "difícil" cambiar os estilos de vida, á vez que valorou a reclamación da oposición para ter en conta o contexto "socio-económico da cidadanía". Deste xeito, admitiu que o sobrepeso e obesidade teñen "unha orixe multifactorial".

Durán asegurou que Sanidade "foxe de dar chapa e pintura a nada" e reivindicou que "traballa desde hai tempo" en diferentes proxectos para reducir a incidencia da obesidade e sobrepeso. E no caso concreto, do imposto de bebidas azucaradas, co que conta Cataluña desde 2017, apostou por avaliar este tipo de medidas que, ata a data, tiveron "un efecto pequeno" sobre a saúde, "apenas un 2,2%". "Queda un amplo camiño por percorrer", sentenciou.

Sobre Atención Primaria, aclarou que este plan "non suporá un incremento da carga de traballo ao persoal sanitario", xa que "tería apoio" porque inclúe a contratación de persoal para coordinar as iniciativas e, no ámbito do fomento da actividade deportiva, contarase coa colaboración dos concellos. "A medio prazo debería reducir a carga da enfermidade crónica", asegurou.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta