As vítimas do Alvia reuniranse co director xeral de Transporte da UE o próximo 13 de xullo

"No encontro abordaremos os continuos atrasos do Estado español para realizar unha investigación independente do accidente", apuntou a portavoz do BNG en Europa, Ana Miranda.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 07/07/2022 | Actualizada ás 14:16

Comparte esta noticia

A plataforma de vítimas do Alvia 04155 manterá un encontro co director xeral de Mobilidade e Transporte da Unión Europea, Kristian Schmidt, o próximo 13 de xullo.

Diso informou este xoves a portavoz do BNG en Europa, Ana Miranda, que tamén estará presente nun encontro que se celebrará ás portas do noveno aniversario da traxedia ferroviaria que en 2013 deixou 80 mortos e máis dun centenar de feridos no barrio compostelán de Angrois.

"No encontro abordaremos os continuos atrasos do Estado español para realizar unha investigación independente do accidente", apuntou Miranda nun comunicado no que sinala que preguntará polo estado do procedemento de infracción aberto pola Comisión Europea contra España polos "incumprimentos" en materia de seguridade ferroviaria.

"Queremos información clara sobre en que punto está o procedemento de infracción por incumprimento de seguridade ferroviaria e que medidas adoptou o Estado para cumprir os requirimentos, se é que adoptou algunha", incidiu a representante da formación nacionalista.

O BNG avanzou que tamén solicitará proximamente unha reunión coa Comisaria de Transporte da UE, Adina Valean, para "manter a fluidez" de contacto que existía coa súa predecesora no cargo.

Miranda e Pontón, coas vítimas de Angrois, nunha foto de arquivo / BNG. / Europa Press
Miranda e Pontón, coas vítimas de Angrois, nunha foto de arquivo / BNG. / Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta