Un visor orzamentario e un observatorio de goberno aberto, dúas apostas da Deputación de Pontevedra

Ademais a Deputación ofrecerá a todos os concellos a posibilidade de adherirse ao Observatorio de Goberno Aberto Municipal, unha iniciativa auspiciada pola FEMP, que creou este visor comparativo o pasado mes de abril.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 07/07/2022 | Actualizada ás 17:01

Comparte esta noticia

A Deputación de Pontevedra acolleu este xoves no Pazo Provincial a reunión do Consello de Goberno da Rede de Transparencia e Participación Cidadá da Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP).

Neste marco, a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, anunciou tres novas medidas que a administración provincial porá en marcha: un visor orzamentario propio, un espazo web de Goberno provincial aberto e, finalmente, o lanzamento dunha plataforma do Observatorio de Goberno aberto para todos os concellos da provincia.

O novo visor orzamentario da deputación é unha ferramenta web, que en breve entrará en funcionamento, que ofrecerá información non só sobre os orzamentos en vigor, senón sobre a súa execución, modificacións, liquidacións e pagos, entre outras cuestións.

O portal do Espazo de Goberno provincial aberto, segundo indicou Carmela Silva achegará información sobre persoal, subvencións e procedementos. Tamén facilitará a participación cidadá. En terceiro lugar, a Deputación de Pontevedra sumarase á corrente de pór a disposición pública datos abertos sobre os recursos e os servizos dispoñibles en toda a provincia. Ademais a Deputación ofrecerá a todos os concellos a posibilidade de adherirse ao Observatorio de Goberno Aberto Municipal, unha iniciativa auspiciada pola FEMP, que creou este visor comparativo o pasado mes de abril.

"PUNTA DE LANZA"

O presidente da Rede de Transparencia e Participación Cidadá da FEMP e alcalde de Elxe, Carlos González, agradeceu "o compromiso da Deputación e da súa presidenta por facer da transparencia un eixo principal da estratexia e do día a día, por colaborar a facer entender que a transparencia é un dereito básico da cidadanía".

Tamén aproveitou para felicitar ao Goberno provincial pontevedrés por converter a esta deputación nunha do cinco máis transparentes de España. "Sodes punta de lanza cun traballo moi valioso", destacou, antes de concluír que a transparencia perfecciona o funcionamento das institucións e constitúe "un antídoto contra a corrupción".

Xa na propia sesión do Consello de Goberno da Rede de Transparencia aprobouse o nomeamento do novo vicepresidente, Ignacio Vázquez, así como a incorporación de novos concellos de España, pasando de 251 a 270, e representando deste xeito a máis de 25 millóns de persoas.

Aprobouse tamén unha ordenanza tipo de transparencia que adapta a de 2015 e será a referencia par ao novo lustro, unha nova ordenanza de datos abertos para que os municipios poidan polos ao servizo da sociedade e, finalmente, avanzouse na preparación do 7º Congreso Internacional de Transparencia e Goberno Aberto que se celebrará en Cartagena.

A Deputación de Pontevedra porá en marcha un visor orzamentario e un observatorio de goberno aberto. RAFA ESTEVEZ/DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA / Europa Press
A Deputación de Pontevedra porá en marcha un visor orzamentario e un observatorio de goberno aberto. RAFA ESTEVEZ/DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA / Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta