A Deputación de Pontevedra aproba dous millóns de euros en investimentos para oito concellos

Carmela Silva tamén informa que se saca adiante a concesión das subvencións destinadas a actividades culturais.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 08/07/2022 | Actualizada ás 13:10

Comparte esta noticia

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, informou dos dous millóns de euros en investimentos aprobados este venres na Xunta de Goberno con destino oito concellos da provincia. Concretamente, estes fondos do 'Plan Concellos' serán para os municipios da Estrada, Meis, Mondariz, Moraña, Nigrán, O Rosal, Salceda e Tomiño.

"Financiamos pavimentación, beirarrúas, accesos, saneamento, sinalización, a rehabilitación dun muíño e a reforma dunha escola unitaria", detallou Carmela Silva. Ademais, o goberno provincial aprobou o proxecto da senda peonil que percorrerá o litoral entre a praia das Sinas co núcleo urbano de Vilanova de Arousa. Está orzado en 275.000 euros dos que a Deputación asume o 80% e o resto o Concello.

O convenio xa está asinado e inclúe, ademais, o compromiso de transferir ao Concello a nova senda peonil de 810 metros de lonxitude que se suman aos 86 metros doutro tramo urbanizado na estrada entre Fefiñáns e Oubiña, mentres que a Deputación conserva a titularidade da plataforma de circulación.

ACTIVIDADES CULTURAIS

Carmela Silva tamén detallou que este venres se aprobou a concesión das subvencións destinadas a actividades culturais. Son uns 250.000 euros que irán para unhas 210 entidades repartidas entre uns 46 concellos para a organización de festivais folclóricos ou semanas culturais, entre outras iniciativas.

A presidenta provincial destacou que agora hai máis actividade cultural que antes da pandemia. Tamén se aprobaron as bases das axudas a escolas de música dependentes de entidades sen ánimo de lucro. Destínanse uns 90.000 euros. Carmela Silva afirmou que lle parece "incomprensible" e "insólito" que este gasto non o asuma a Xunta de Galicia.

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva
A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva | Fonte: Rafa Estévez - Deputación de Pontevedra.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta