Novo vídeo da Deputación de Pontevedra para concienciar contra as agresións sexuais

O audiovisual presenta outro modelo masculino "de home consciente de que soamente si é si", explica a creadora.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 08/07/2022 | Actualizada ás 15:00

Comparte esta noticia

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, presentou este venres un novo vídeo, deseñado e creado pola artista Yolanda Domínguez, co que a institución provincial quere concienciar contra as agresións sexuais.

O audiovisual mostra imaxes do interior dun bolso (onde unha moza parece deixar o seu teléfono móbil coa cámara de vídeo gravando) mentres se escoita unha conversación entre unha moza e un mozo que están a iniciar unha relación. Nun momento dado, a muller pide parar. Difundirase nos festivais de música e cinema da provincia e nas salas de cinema de Pontevedra, Vigo e Vilagarcía.

Segundo os datos difundidos por Carmela Silva nunha comparecencia de prensa, cada catro horas prodúcese en España unha violación, pero soamente se denuncia o 11%. No primeiro trimestre de ano rexistráronse 544 violacións. "É dramático" dixo, "temos que poñernos en contra e facer que a loita contra estas terribles agresións que padecemos as mulleres forme parte das prioridades políticas das administracións públicas. Desde logo desta administración xa o é".

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, presentou un novo vídeo, deseñado e creado pola artista Yolanda Domínguez, co que a institución provincial quere concienciar contra as agresións sexuais. DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA
A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, presentou un novo vídeo, deseñado e creado pola artista Yolanda Domínguez, co que a institución provincial quere concienciar contra as agresións sexuais. DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA | Fonte: Europa Press

EN POSITIVO


A artista Yolanda Domínguez subliñou que "as cifras demostran que segue habendo maltratadores e asasinos de mulleres" polo que "teriamos todo o dereito do mundo de representar esa realidade", pero "estamos a facer un enorme esforzo por expor campañas de denuncia en positivo, que representen homes comprometidos, que son parte do cambio, como é o caso deste vídeo".

O vídeo, "de altísimo nivel e gran calidade técnica e de contido", segundo valorou a presidenta, tamén presenta outro modelo masculino "de home consciente de que soamente si é si, de que o consentimento é unha cuestión que decidimos as mulleres e facémolo cando dicimos exclusivamente que si".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta