Bicicletas contra a contaminación mineira en Galicia

Ecoloxistas en Acción visitará ás plataformas veciñais que desde hai anos loitan contra as minas de Touro, San Finx, Miramontes, Varilongo, CAs Viñas ou a concesión Alberta entre outras.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 11/07/2022 | Actualizada ás 11:07

Comparte esta noticia

A marcha en bicicleta de Ecoloxistas en Acción inicia a súa primeira semana de pedaleo cun roteiro que da protagonismo á denuncia das explotacións mineiras galegas e os seus impactos ambientais.  O pelotón visitará ás plataformas veciñais que desde hai anos loitan contra as minas de Touro, San Finx, Miramontes, Varilongo, CAs Viñas ou a concesión Alberta entre outras, para mostrarlles o seu apoio e unirse ás súas reivindicacións.

Ecomarcha ciclista de Ecoloxistas en Acción contra as grandes actividades mineiras en Galicia
Ecomarcha ciclista de Ecoloxistas en Acción contra as grandes actividades mineiras en Galicia | Fonte: Ecologistasenaccion.org

No seu periplo por Galiza, a Ecomarcha ciclista parará en varios enclaves mineiros. O seu obxectivo: denunciar a degradación ambiental provocada por estas explotacións e apoiar as demandas das plataformas veciñais que loitan para acabar con estes atentados ecolóxicos. 

Unha destas plataformas, conformada pola veciñanza de Doade e O Seixo, reuniuse este domingo, 10 de xullo, con integrantes da marcha ciclista. Esta plataforma veciñal oponse á concesión da autorización de explotación do proxecto Alberta, un proxecto de mina de litio que foi tramitado sen someterse a avaliación de impacto ambiental e sen a posibilidade de participación pública. Ademais, segundo denuncia Ecoloxistas en Acción, a Administración mantivo o permiso de investigación vixente durante máis de dúas décadas trás varios intentos de tramitar o proxecto.

Nos próximos días, a primeira parada será o martes 12 de xullo, cando a Ecomarcha se achegue á mina de San Finx, en Lousame, para apoiar a loita veciñal en contra da reapertura desta antiga mina de wolframio. San Finx conta cun longo historial de contaminación por metais pesados, que afecta á ría de Muros - Noia e os seus bancos de marisqueo. Foi reaberta en 2009 sen avaliación de impacto ambiental, deixando as presas de residuos abandonadas sen restaurar. Por esta razón, hai abertos varios procesos penais por delitos de contaminación e prevaricación, algún deles impulsado por Ecoloxistas en Acción Galiza.

O mércores 13 a Ecomarcha reunirase coas veciñas de Touro. Pola súa banda, a canteira de áridos de Miramontes será parada obrigada da Ecomarcha, o xoves 14, de camiño a Costa da morte. Ese mesmo día, a Ecomarcha visitará tamén á veciñanza San Salvador, afectada pola mina de Varilongo. Para terminar a semana, o domingo 17 o pelotón adéntrase no concello de Ponteceso para visitar a antiga mina de Corcoesto.

Monte Neme, mina abandonada en 2014 sen restauración e recentemente de actualidade pola grave intoxicación de varias persoas que se bañaron nas súas presas de lodos, contará coa presenza da Ecomarcha o luns 18 de xullo. Para pechar o seu roteiro por explotacións mineiras, o mércores 20 de xullo a Ecomarcha achegarase á canteira da Viñas, en Pontedeume. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta