Ana Pontón advirte: "a pésima xestión" da Xunta é un "cóctel explosivo" para a sanidade

"Hai que blindar por lei o corazón do sistema, porque estamos á cola de todo o Estado en investimento en primaria", argumenta a portavoz nacionalista.

Por Europa Press / Redacción | PONTEVEDRA | 11/07/2022 | Actualizada ás 15:19

Comparte esta noticia

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, advertiu de que "a pésima xestión" da Xunta nun momento de plena nova onda de covid e con falta de profesionais sanitarios, é "un cóctel explosivo" para o "dereito á saúde".

Pontón desprazouse este luns ata o municipio pontevedrés de Poio, ao centro de saúde de Raxó, para analizar a situación da sanidade pública, un centro de atención primaria cuxa situación actual "exemplifica as consecuencias de 13 anos de recortes e privatizacións" do Goberno do PP. "Unha instalación sanitaria na que podes entrar pero sen facultativo que te atenda", denuncia.

"Ten a porta aberta, pero cando entras non hai ningún médico para poder atender ás persoas enfermas, é dicir, todo un símbolo do que está a pasar na sanidade pública en Galicia cun PP que ten un programa de desmantelamento e privatización e está a xogar coa saúde das persoas para que uns poucos fagan negocio", denunciou a líder do Bloque. Esta situación, apunta, provoca que "por primeira vez na historia, hai unha lista de espera de ata dúas semanas para ter atención presencial" co persoal médico de cabeceira, "e ten como responsable directo o PP".

Pontón denunciou que os seus recortes "levaron o sistema público de saúde ao abismo", respecto diso do que esgrimiu algúns datos. Así, a líder nacionalista referiuse a que hoxe en día a primaria ten "47 millóns de euros menos de recursos" que en 2009 e este ano tivo "menor investimento que o pasado exercicio". "O PP leva anos cunha folla de ruta que ten como obxectivo desmantelar a sanidade pública e non podemos permitilo, porque é o colchón que ten calquera persoa para poder ser atendida ante un problema de saúde", apuntou.

"PROBLEMA DE PRECARIEDADE LABORAL"

Pontón, que destacou o traballo "extraordinario" dos profesionais, considera que non se trata dun problema de falta de profesionais, senón "dun problema de precariedade laboral". "É falso que non haxa profesionais, o que pasa é que non aguantan as condicións de precariedade, de feito, na última convocatoria MIR a maioría do persoal que acabou a formación non quixo ir a atención primaria, senón que buscaba outras especialidades precisamente polas malas condicións", apuntou.

Na súa intervención, sacou a colación a denuncia dunha médica de Pontevedra "á que obrigaron a estar 24 horas de garda en tres PACs diferentes", unha proba de "como o goberno do PP maltrata os profesionais sanitarios". Á "redución de recursos e de efectivos" no período estival, sinala Pontón, hai que engadir "a caótica organización" por parte da Consellería de Sandiade e o incremento da carga asistencial derivada da nova onda da covid, o que "provoca un cóctel explosivo contra o dereito á saúde".

Así, dixo que a situación do ambulatorio de Raxó "é similar á que viven moitos outros en toda Galicia e require solucións inmediatas", polo que propón un plan de choque de 200 millóns de euros para sacar a atención primaria "do colapso". Esa partida sería para contratar a persoal e incrementar a carteira de servizos --fisioterapia, psicoloxía clínica e matronas--.

Á marxe destas medidas inmediatas, o BNG tamén propón unha modificación na actual Lei de Sanidade, para destinar o 25 por cento do orzamento do Sergas á atención primaria. "Hai que blindar por lei o corazón do sistema, porque estamos á cola de todo o Estado en investimento en primaria". "Son necesarios máis recursos, mellor xestión e acabar con 13 anos de recortes e privatizacións", concluíu, antes de salientar que xa se puido comprobar que "os recortes matan e, por iso, hai que defender a sanida pública, que é o mesmo que defender a saúde das persoas", salientou.

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, visita o centro de saúde de Raxó, no municipio pontevedrés de Poio. BNG
A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, visita o centro de saúde de Raxó, no municipio pontevedrés de Poio. BNG | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta