O Comité Intercentros da CRTVG acusa o PSdeG de impedir un "saneamento real" da corporación

O órgano de representación do persoal manifesta que os socialistas desaproveitan una ocasión única para que se cumpra a lei que regula os medios públicos ao apoiar a renovación do consello de administración da CRTVG.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 11/07/2022 | Actualizada ás 19:24

Comparte esta noticia

O Comité Intercentros da Corporación Radio-Televisión de Galicia vén de instar ao PSdeG a que non apoie a renovación prevista de dous membros do consello de administración da CRTVG propostos polo Partido Popular, que esixe para saír adiante unha maioría reforzada de dous terzos ou tres quintos no Parlamento galego.

Redacción da CRTVG, en San Marcos
Redacción da CRTVG, en San Marcos | Fonte: CRTVG.

Nunha xuntanza mantida esta mañá entre membros do Comité e o portavoz parlamentario Luís Álvarez Martínez, o PSdeG transmitiu a súa intención de apoiar a renovación en base aos “acordos institucionais” que hai entre partidos dentro do Parlamento, de maneira que, segundo o Comité, "desaproveita así unha oportunidade histórica para desenvolver a lei de medios públicos paralizada desde hai 11 anos".

Para o Comité Intercentros esta actitude do PSdeG supón unha "falta de compromiso cos traballadores e traballadoras dos medios públicos e coa sociedade galega en xeral". Segundo o órgano de representación do persoal, trátase dunha "oportunidade histórica que non se debe desaproveitar para esixir que se cumpran dunha vez de forma íntegra determinados aspectos básicos da lei que regula a CRTVG que nunca se desenvolveron por intereses partidistas do PPdeG que nada teñen que ver co mandato de servizo público que ten encomendada a Corporación.

Así, entroutros, o Intercentros demanda a posta en marcha do Estatuto Profesional e do Consello de Informativos como ferramentas para intentar "erradicar a manipulación que padecen a radio e a tele de todos os galegos e galegas"; a elaboración e aprobación do contrato programa que obrigaría a elaborar unha grella de "auténtico servizo público" cunha dotación económica axeitada; o fomento real da produción propia e o "coto á externalización cada vez maior de programas e contidos sen supervisión nin control ningún"; a recuperación da información de proximidade para garantir a plena cobertura do territorio; ou a renovación do mesmo director xeral, Alfonso Sánchez Izquierdo, que leva desde 2009 no cargo e en funcións, nunha situación "anómala", desde o ano 2015.

O Comité Intercentros entende que a "situación tan grave" na que se encontran os medios públicos esixe "altura de miras e responsabilidade" por parte dos dous partidos da oposición. Unha vez que o BNG manifestou públicamente a súa intención de supeditar a renovación do consello de administración ao cumprimento da lei, xa só quedaba en mans do PSdeG favorecer con feitos concretos un "saneamento real da CRTVG que permita recuperar os medios públicos do secuestro ao que están sometidos para poñelos ao servizo de todos os galegos e galegas".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta