Regresa por todo o alto o Festival de Ortigueira

Os concertos, feira e actividades continuarán ata o próximo domingo, 17 de xullo.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 11/07/2022 | Actualizada ás 20:11

Comparte esta noticia

O Festival de Ortigueira está de volta. Este domingo encenderon a chama Fransy, Davide e Cibrán e Tanxugueiras nunha emocionante e agardada xornada inaugural no escenario Estrella Galicia. Nela, segundo explican nunha nota, a sorpresa veu a cargo de Aida Tarrío, unha das compoñentes de Tanxugueiras, que participou no pregón e animou a desfrutar do festival. Os concertos, feira e actividades continuarán ata o próximo domingo, 17 de xullo.

Tanxugueiras no Festival de Ortigueira
Tanxugueiras no Festival de Ortigueira | Fonte: Festival de Ortigueira

O alcalde de Ortigueira, Juan Penabad, deu a benvida ao festival, o máis longo entre todos os celebrados con 8 días de programación, e fixo mención especial aos esforzos destes dous anos sen celebración. Así mesmo, agradeceu ao pobo de Ortigueira e ás autoridades sanitarias o traballo e esforzo destes meses, e tamén aos medios de comunicación, patrocinadores públicos - Xunta e Deputación -, e privados.

O concelleiro de Deportes e Festival, Ángel Lozano, destacou o carácter especialmente galego desta edición e fixo a presentación do programa. Así, máis de corenta formacións pasarán polas rúas e escenarios nos próximos oito días, grupacións chegadas de diferentes partes do mundo, e algunhas delas moi agardadas e demandadas polos seguidores nas redes.

Xurxo Couto, Deputado de Cultura da Deputación da Coruña, puxo en valor os irmandamentos do festival con outros eventos de relevancia internacional, como o Festival de Lorient. A xornada deste domingo rematou co izado de bandeiras e a actuación da Escola de Gaitas de Ortigueira, que interpretou o Himno de Galicia. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta