Ópera e música clásica en Verín

O 15 de xullo o Auditorio Municipal de Verín acollerá a retransmisión en directo da ópera Nabucco, de Giuseppe Verdi e que se representará no Teatro Real de Madrid, e o día 22 xa en vivo a Orquestra de Sopros da Academia de Artes de Chaves (Portugal).

Por Galicia Confidencial | Verín | 13/07/2022 | Actualizada ás 09:00

Comparte esta noticia

Este venres 15 de xullo, ás 20:30 horas, a veciñanza e visitantes que se queiran achegar a Verín poderán seguir a retransmisión en directo da ópera Nabucco, de Giuseppe Verdi, que se representará no Teatro Real de Madrid. O Auditorio Municipal acollerá este evento que está enmarcado dentro das propostas de achegamento da ópera a todos os cidadáns, unha iniciativa que impulsa o programa de actividades do Bicentenario do Teatro Real.

Orquestra de Sopros da Academia de Artes de Chaves. Foto: Concello de Verín
Orquestra de Sopros da Academia de Artes de Chaves. Foto: Concello de Verín

O Concello de Verín poñerá a disposición do público as entradas para a ópera (gratuítas e numeradas) na Sala de Exposicións do Concello de Verín. Horario: de martes a venres de 18 a 21 horas.

O venres 22 de xullo, ás 20:30 horas, o Auditorio Municipal de Verín acollerá outra actuación interesante, nesta ocasión xa en vivo e coa presenza da Orquestra de Sopros da Academia de Artes de Chaves (Portugal).

ORQUESTRA DE SOPROS DA  ACADEMIA DE ARTES DE CHAVES

Fundada en setembro de 2008, iniciou a súa actividade no ámbito da materia da clase de Conxunto do Curso Básico de Música. Logo comezou a consolidarse como grupo de referencia da Academia de Artes de Chaves e a súa rexión. A súa constante evolución levouna a transcender o contexto curricular no que naceu, empezando a integrar tamén a mozos músicos en xeral.

Da súa actividade, destaca a súa participación regular en festivais e concursos internacionais, ademais dos concertos, onde se gañou o recoñecemento dun público cada vez máis numeroso xunto ás máis críticas favorables. Desde a súa fundación conseguiu xa 10 primeiros premios internacionais, destacando os obtidos no CIM Vila de Altea, CIB Filarmonia d’Ouro e na Mostra Musical do Eixo Atlántico.

Actualmente está constituída por mozos músicos da rexión norte, axuntados por un proxecto singular. Participa regularmente en concerto por varios escenarios do país, realizando un traballo de divulgación e expansión cultural. Está dirixida desde a súa fundación polo mestre Luciano Pereira.

As entradas son de balde e poden retirarse na Sala de Exposicións da Casa da Cultura do Concello de Verín ata o xoves 21 de xullo. Horario da taquilla: de 18:00 a 21:00 horas.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta