O Parlamento de Galicia votou rexeitar propostas normativas contra as artes de pesca de fondo

Esta proposta incide sobre o impacto social e económico que pode supor a proposta da Comisión Europea de veto da pesca de fondo en 94 zonas comunitarias.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 12/07/2022 | Actualizada ás 20:00

Comparte esta noticia

O Parlamento galego aprobará este mércores, 13 de xullo, unha iniciativa do PPdeG, que foi debatida na tarde deste martes, na que mostra o seu rexeitamento ás propostas normativas que supoñan unha minoración ou eliminación das artes de fondo.

A proposta orixinal do PPdeG empraza á Xunta a dirixirse ao Parlamento Europeo e á DX Mare para mostrar ese rexeitamento, aínda que se abriu a transaccionar a proposta coa oposición, de forma que se inclúa a achega do PSdeG de instar tamén á Comisión Europea. Ademais, prevé incluír as achegas do Bloque que pasan por pedir un proceso de diálogo co sector e que se realicen estudos científicos rigorosos, así como do impacto socioeconómico que provocaría en Galicia.

Esta proposta incide sobre o impacto social e económico que pode supor a proposta da Comisión Europea de veto da pesca de fondo en 94 zonas comunitarias. Teresa Egerique (PP) censura a "perversión das súas atribucións" por parte da CE, que "actuou dun modo despótico ao evitar as canles democráticas" para impulsar esa medida.

Na súa intervención no pleno na Cámara, remarcou que non hai "artes de pesca malas", senón que depende do uso "irresponsable" que se poida facer delas. Por iso, tacha de "erro absoluto" tratalas como "prexudiciais".

Nesta liña, Egerique subliña o impacto que esta medida podería ter tamén sobre a frota galega artesanal, posto que 875 embarcacións deste tipo (o 20%) emprega artes de fondo, tales como 'trasmallos', 'miños, 'raeiras' ou 'vetas'.

Pola súa banda, Rosana Pérez (BNG) alerta de que esta "grave" decisión suporía unha "brutal labazada ao sector pesqueiro", unha medida sen "argumentos científicos nin técnicos" na que non hai "diálogo" co sector. Advirte de que suporía o despezamento de máis un centenar de arrastreiros, "supondo que quede clara a non afectación a artes menores", pois de ser así, o impacto socioeconómico "sería definitivamente letal".

Patricia Otero (PSdeG) sinalou que o seu grupo comparte a visión de que "así non" se pode actuar, posto non se pode levar a cabo esta medida "prexudicial" e "de tanto calado" dunha forma unilateral, "sen ter en conta aos Estados membros" e ao propio sector pesqueiro.

Hemiciclo galego
Hemiciclo galego | Fonte: Parlamento de Galicia.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta