Alerta vermella na zona do Miño de Ourense por temperaturas que poderán superar os 42 graos

A máxima ao arranque da xornada volveu estar en Lira --Carnota-- cos 35,4 graos que alcanzou a estación de Meteogalicia ás 06,50 horas da madrugada.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 14/07/2022 | Actualizada ás 10:15

Comparte esta noticia

A Dirección Xeral de Emerxencias e Interior da Xunta acaba de activar para este mesmo xoves a alerta vermella por altas temperaturas, que poderán alcanzar os 42 graos a partir do mediodía, na zona do Miño en Ourense. Ademais, segundo informa a Administración autonómica nun comunicado, o sur da provincia ourensá e a zona de Valdeorras estará en aviso laranxa por unhas máximas que localmente mesmo poden aproximarse a estes mesmos valores.

Dúas persoas camiñan por unha vía en plena onda de calor, a 12 de xullo de 2022, en Ourense.. Rosa Veiga - Europa Press
Dúas persoas camiñan por unha vía en plena onda de calor, a 12 de xullo de 2022, en Ourense.. Rosa Veiga - Europa Press

A alerta de cor laranxa tamén estará activa este xoves por temperaturas de ata 39 graos no interior e o suroeste da provincia da Coruña, así como no Miño da de Pontevedra e nas Rías Baixas.

Mentres tanto, o aviso será de nivel amarelo no noroeste e oeste da Coruña, no centro e sur de Lugo, e nas montañas na zona este de Galicia, por valores máximos de ata 36 graos. Xunto a isto, haberá tamén alerta amarela no noroeste e oeste do litoral da Coruña por vento de forza 7.

Por este motivo, e co fin de garantir a seguridade dos bens e das persoas, a Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, a través do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias 112 Galicia, informou da situación aos concellos das provincias afectadas, deputacións, servizos provinciais e agrupacións de voluntarios de Protección Civil, entre outros.

Así mesmo, recomendou extremar as precaucións, especialmente entre os colectivos máis vulnerables como as persoas maiores, crianzas, persoas con enfermidades crónicas e tamén no caso de persoas que realizan traballos físicos intensos ou deporte ao aire libre.

NOVA XORNADA DE CALOR

Os termómetros marcan xa máis de 30 graos en varios puntos da costa e tamén do interior de Galicia, que se prepara para unha nova xornada de intensa calor despois doutra noite tropical que deixou mínimas por encima dos 20 graos na maior parte da xeografía galega.

Segundo os medidores de Meteogalicia, puntos da costa atlántica galega nas Rías Baixas superaban xa os 30 graos cos primeiros raios de luz do día. A máxima ao arranque da xornada volve estar en Lira --Carnota-- cos 35,4 graos que alcanzou a estación de Meteogalicia ás 06,50 horas da madrugada.

Baiona tamén pasou os 35 graos, mentres que Ribeira, Mondariz e as Illas Cíes pasaron os 33 graos durante a madrugada. E é que a calor nocturna volveu ser o protagonista, con mínimas que en gran parte de Galicia non baixaron dos 25 graos.

Mesmo na comarca da Mariña se viviu unha madrugada de altas temperaturas, cos termómetros ao redor dos 20 graos. As mínimas da noite producíronse no interior da provincia de Lugo e en Calvos de Randín, chan térmico da madrugada cos 13,7 graos alcanzados ás 03,40 horas.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta