Gordofobia e saúde mental: así afectan os prexuízos sobre quen non ten un corpo normativo

Asociar sobrepeso ou obesidade ao fracaso persoal ou ao baixo rendemento laboral son algúns dos prexuízos máis estendidos.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 16/07/2022 | Actualizada ás 11:00

Comparte esta noticia

A gordofobia é o nesgo que se aplica ás persoas que non entran nos estándares sociais da normatividade corporal. Segundo a Enquisa europea de saúde en España, publicada polo Instituto Nacional de Estatística (INE), un 16,5 % de homes e un 15,5 % de mulleres maiores de 18 anos sofren obesidade. E esta cifra elévase a un 44,9 % e un 30,6 % respectivamente se falamos de sobrepeso. Os datos sobre o exceso de peso asociado á saúde física son abundantes, pero a información no que compete á saúde mental ten importantes lagoas.

O Ministerio de Sanidade advirte das altas cifras de persoas con sobrepeso en Galicia
O Ministerio de Sanidade advirte das altas cifras de persoas con sobrepeso en Galicia | Fonte: Pixabay

Unha persoa que non entra nesta normatividade corporal corre o perigo de "sentirse menos válida e, por tanto, menos merecedora de afecto, oportunidades ou respecto", explica Amalia Gordóvil Merino, profesora colaboradora dos Estudos de Psicoloxía e Ciencias da Educación da Universitat Oberta de Catalunya (UOC). Moitas formas de rexeitamento, tanto as máis evidents como as máis sutís, están amplamente lexitimadas a nivel social. 

PREXUÍZOS AO REDOR DE ESTAR GORDO

Máis alá dos insultos, o acoso, a dificultade para relacionarse ou os problemas mentais derivados do estigma que leva o sobrepeso, estas persoas enfróntanse tamén a máis sutís signos de gordofobia. Entre estes prexuízos máis estendidos, dende a UOC sinalan varios: que as persoas obesas non resultan atractivas, que non teñen unha vida sexual activa, que non teñen éxito no persoal ou no laboral, que se alimentan mal ou teñen malos hábitos de saúde, que son vagos e non se esforzan... 

O nesgo de xénero tamén atravesa todos estes prexuízos: se ben nos homes se asocia ser gordo a ser gracioso, nas mulleres vincúlase á maldade. É común nas redes sociais ver xente afirmando que unha muller que non entra no na regra establecida en bikini fomenta a obesidade. Se aparece unha parella na que un membro ten un corpo normativo e o outro ten sobrepeso, os comentarios diríxense cara ás habilidades ocultas ou a irresistible personalidade de quen non cumpre os estándares de beleza.

"Aínda que empeza a haber movementos de concienciación social, aínda vivimos nunha sociedade que promove un patrón único de beleza no que parece que a única maneira de encaixar socialmente é tendo un corpo normativo", indica Amalia Gordóvil.

DEPRESIÓN, ANSIEDADE E TRASTORNOS DA CONDUTA ALIMENTARIA

Diante destes prexuízos, as persoas poden desenvolver sintomatoloxía ansiosa e un baixo estado de ánimo "que pode desembocar nun trastorno depresivo e nun trastorno alimentario, entre outras patoloxías psiquiátricas", engade Gordóvil. "Non somos conscientes do sufrimento que todos estes prexuízos poden ocasionar", afirma a experta. 

Sobre todo, continúa Gordóvil, durante a adolescencia, etapa na que as persoas poden sentirse maioremente cuestionadas en canto a hábitos de consumo. A necesidade de pertenza ao grupo "tan necesaria neste tramo de idade", sumada á continua exposición en redes sociais, fai que a gordofobia o impregne todo. "Un neno ou un adolescente pode insultar a unha persoa gorda, se así o escoitou en casa ou na súa serie favorita. E os que non o fagan quizá optarán por afastarse da persoa gorda da clase para que non os relacionen con ela", incide Gordóvil.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta