Galicia ten un déficit duns 2.000 camioneiros, segundo Aetram

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 14/07/2022 | Actualizada ás 12:33

Comparte esta noticia

A Asociación Empresarial Transportes Río Miño (Aetram) calcula que Galicia ten un déficit duns 2.000 camioneiros, un novo problema no sector que se suma ao alto prezo dos combustibles.

O presidente de AETRAM, Diego Arias, sostén que, tras superarse os dous euros por litro de combustible, "agora hai moitos menos camións pola estrada e moitas empresas non dan sobrevivido a isto, tamén pola falta de condutores".

Un escenario no que só "en Galicia fan falta 2.000 condutores", unha problemática que xustifica porque hoxe en día o "sector non é atractivo e non chama á mocidade". "A media de idade dos condutores está en 54 anos e á volta de tres anos o problema vai ser máis grande", alerta.

Este déficit, resumiu, vén dado por "xornadas maratonianas e salarios baixos", ao que suma a falta de seguridade "con áreas de servizo que nin sequera están vixiadas e róubase combustible e a mercadoría". "Outra cousa que esiximos é que se fagan áreas de descanso seguras", reivindicou.

Polo demais, a solución que propón o Goberno para sortear o colapso do viaduto do Castro na A-6 non acaba de convencer ao sector do transporte. Diego Arias vaticinou que cando se poña en marcha isto "vai ser un escándalo" porque se vai ter "que volver a atrás".

"É unha incorporación, de Pedrafita a Madrid, que ten un 14 por cento de subida facendo curva. Iso para subir camións de 40 toneladas... Vai ser a hostia a que se vai montar aí", advertiu.

Un home entrega un papel a un transportista durante unha folga indefinida do transporte de mercadorías, no Polígono do Ceao, a 14 de marzo de 2022
Un home entrega un papel a un transportista durante unha folga indefinida do transporte de mercadorías, no Polígono do Ceao, a 14 de marzo de 2022 | Fonte: Carlos Castro - Europa Press.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta